sábado, dezembro 31, 2005

FOGARES BOHEMIOS

Querid@s amig@s! Chega xa un novo ano cheo de esperanza e ilusión, e con el segue o bo costume de acudir con máis frecuencia ás xuntanzas e tertulias de café. Nós ficaremos neste virtual espacio creativo xunt@s arredor da cálida lareira do xénero humano.
A Porta Verde do Sétimo Andar está sempre aberta ¡pasade sen chamar! Nós tamén sairemos de cando en vez deste rincón acolledor, para disfrutar e compartir bos encontros poéticos nos distintos fogares bohemios que nos acollen amigábeis na cidade de Vigo. Quizais poidamos coincidir por aí. Estaremos encantad@s. Será un pracer! Animádevos!
Estes son os nosos fogares bohemios preferidos en Vigo...

Lenda Moura - en Hernán Cortés, 17 (fronte CC.OO.)
O Lar da Zoe - en Joaquín Yáñez, 5 (Zona Vella. Preto da Biblioteca Central)
La Galería - en Ronda Don Bosco, 21 (arriba, no parque)
Vauxhall bar - en López de Neira, 50
O Arco da Vella - en Churruca, 2
Rajasthan - en rúa Uruguai, 18
Café UF - en Rúa Pracer
A Cova dos Ratos - en Romil, 3
... entre outros!
Saúdos de Rosa, Cruz, Luís,
Abilio, Alberte, e Alfonso.
Grazas amig@s e colaboradores/as.
FELIZ 2006 a tod@s!!

quarta-feira, dezembro 28, 2005

No banco de escribir memorias

No banco de escribir memorias
sentan todos os camiñantes de antano
no sosego do esquecemento
arrolan o silencio de esperas
para que os arces outoneen sen presas
marcando a desolación de novembro

en calmosa placidez
aquí a palabra é remoída mastigada

para un ouvinte descoñecido
en versos dun poema autobiográfico
que fala dun pasado tal vez inexistente
ríos brincadeiros foron os soños
coma tecidos febles dun destino
que se perdeu aquela tarde.

Luís Viñas

domingo, dezembro 25, 2005

Cruz Martínez

.A PERCEPCIÓN DO TEU CORPO
.................................é metricamente
..................................................perfecta
Os números dan unha aproximación
bastante exacta dos volumes

Quero que aparezas no índice deste libro
.................................................de esixencias
cunha man posta no epicentro
............................Xusto no centro
Espero que frecuentes a proporción inequívoca
................................................................do desexo
e informes do punto seguido
.......................que nos concirne
saciando apetitos
..............trala porta pechada
Recluídos, absolutamente entregados
...................................................á paixón
recoñecendo a boca que encaixa
........................................noutra boca
e que inicia o capítulo das escenas
..........................................+ QUENTES

rosanegra

Albisco a noite ao meu carón
Semella un neno xogando
Tirándome do pelo
Coma un fetiche máis
Na ventá amarela
Reflicte a sombra pantasmal
Que ninguén coñece
Agás a soidade
O coche azul que está
Aparcado na miña memoria
Segue un proceso esperanzador
De loita e medos
A ave do ceo non sabe
O que dormita nas mentes
Duns bípedes monos
En evolución

sábado, dezembro 24, 2005

A Porta Verde en O Lar da Zoe...


O Lar da Zoe (Joaquín Yáñez, 5 - Vigo).
Na Zona Vella. Perto da Biblioteca Central.
Xuntanza. Outro entrañábel fogar bohemio!

HAURRIDEAK (Irmaus)

Gizaki asko dabiltza nire ondoan.
Ez ditut ezagutzen. Arrotz zaizkit.
Baina zuri, han, urruti, zaren horri,
basamortuez eta aintzirez haraindi,
sabanez eta uhartez bestaldera,
haurride gisa hitz egiten dizut.
Nire gaua zurea bada,
nire begiei badarie zure negarra,
gure oihuak berdinak badira,
haurride gisa hitz egiten dizut.
Gure hitzak desberdiak izan arren,
eta zu beltza eta ni zuria,
gure zauriak antzekoak badira,
haurride gisa hitz egiten dizut.
Muga guztien gainetik,
horma eta harresien gainetik,
gure ametsak berdinak badira
haurride gisa hitz egiten dizut.
Sorterri-kide gara,
borroka-kide, biok,
nire eskua ematen dizut
haurride gisa hitz egiten dizut.


Poema “Irmaus” de Celso Emilio Ferreiro.
Traducido ao éuscaro por Henrike Knörr.


GORA EUSKADI!!

segunda-feira, dezembro 19, 2005

SERPE CEDA


serpe ceda canda min escoita
sibila susurra agora
como se tal de cote fixera
neste meu acovillo do medo
oculto siso

fonda na mina da auga
Abilio Rodríguez Toimil

Gustavo García

A pequena fiestra nauseabunda
vomitava-me cadáveres
enriba das minhas retinas.
Mortos patrocinados polo monopólio,
da mentira.

Escupia-me xente famélica,
mortos por inaniçom,
que levabam um cartaz luminoso
de umha empresa de lixo comestível
esso sim, era lixo reciclado,
cravado na coluna vertebral.

A pequena fiestra sofría
de diarreas de filósofos
mercados em tómbolas festeiras.

Era o començo de umha agónica morte
por contaminaçom vissual.

E de súpeto apareçes ti,
em este pequeno paraiso de auto-destrucçom,
entre a barbárie e a minha retina,
fazendo de muro opaco,
que evita a enfermiça agonia,
sim, de súpeto apareçes ti,
coa tua voz,
e co teu canto de redençom.

Gustavo García

Diego de Giráldez



A mazá, 1998

sexta-feira, dezembro 16, 2005

ARTE NATURAL

(Música: “As Ilhas dos Açores” de Madredeus)
... A Bego...

.... Non digas nada, nada
.... absolutamente nada,
simplementes articula movimentos deseguido
suaves na harmonía da vital paisaxe
move as nubes 100% algodón de vagar
pinta con elas belas figuras varias
voa, surca o ceo cos dedos mañosos
coas precisas pinceladas da fértil arte,
maxina iconos invisíbeis vaporosos,
oferéceme esa maina ondaxe
infinda no mar e nos campos
medra en ti mesma coma espiga,
óllate fermosa e radiante no espello do vento
na intrépida imaxe do aire.
.... Mais non digas nada, nada,
somentes éncheme de marea
ven, achégate, posúe paseniño
molla os graos de area arrexuntados
pola formiga da vida no paso do tempo
inunda esta praia inacabada
pequecha cala que quer ser golfo
ocupa biosistema de poros, móvete ceive avante
sulaga con savia salgada a quentura esquencida
polo sol na praia que agarda marea.

.... Non digas nada, nada
.... namórame calada.
Hei comprender nesta xorda soidade
a túa xenerosa e muda linguaxe estraña
de gratas sensacións e imaxes.
...... Non digas nada, nada...
simplementes escoita a cálida brisa
que descifra sensacións no lenzo da pel fina
nunha falcatruada de cabelo na faciana
pra te contar cousas mariñas
pra te dicir sen dicir nada
pra te marmurar caricias
na fonda dozura dos ouvidos
no salitre das entrañas.


......... Alfonso Láuzara

segunda-feira, dezembro 12, 2005

Frida Kahlo


Autorretrato con mono, 1938, Óleo sobre madeira, 16" x 12", Colección de Albright-Knox Art Gallery, New York.

domingo, dezembro 11, 2005

A Porta Verde no Faro de Vigo (crónica)

MIRA VIGO

(...) "Pero es que salgo del restaurante y en el Café Coco de Cyril y la bella Carolina Corcova, que estaba hasta los topes de bollerío, me encuentro a la diseñadora Tránsito Iglesias y, después, en el Doña Branca, de Asunta, al encantador de vinos Antonio Torrado y a gente del grupo poético A Porta Verde do Sétimo Andar.

A PORTA VERDE DO SÉTIMO ANDAR
Y es que a quien uno vio también el miércoles noche fue a Cruz Martínez y Alfonso Láuzara junto a otros que no conocía pero seguro que eran como ellos de ese grupo poético vigués llamado A Porta Verde do Sétimo Andar en el que están Rosa Martínez, Alberte Momán, Abilio Rodríguez, Luís Viñas… Conozco a la Cruz poeta desde hace quizás dos décadas y sigue igual, ahora metida en este colectivo, cuya principal novedad es que combina los encuentros físicos en el Lenda Moura y otros cafés con un blog que lleva el nombre del grupo, abierta a todos los que queráis visitarla o participar poéticamente. En ese espacio virtual vuelcan sus poemas."
(…)
- Fernando Franco
FARO DE VIGO. Viernes, 9 de diciembre de 2005 (pág.12)

sexta-feira, dezembro 09, 2005

A língua

«(...) Hoje, uma língua que não se defenda, morre, não de morte súbita, mas irá caindo aos poucos num estado de consumpção que poderá levar séculos a consumar-se, dando em cada momento a ilusão de que continua viva, e por esta maneira afagando a indolência ou mascarando a cumplicidade, consciente ou não, dos seus suicidários falantes.»
................................ José Saramago

quarta-feira, dezembro 07, 2005

GERMANS (Irmaus)

Caminen al meu costat molts homes.
No els conec. Em són estranys.
Però a tu, que et trobes allà lluny,
més enllà dels deserts i dels llacs,
més enllà de les sabanes i de les illes,
com un germà et parlo.
Si és teva la meva nit,
si ploren els meus ulls el teu plany,
si els nostres brams són iguals,
com un germà et parlo.
Encara que les nostres paraules siguin diferents
i tu, negre i jo, blanc,
si tenim semblants les ferides
com un germà et parlo.
Per damunt de totes les fronteres,
per damunt de murs i tanques,
si els nostres somnis són iguals
com un germà et parlo.
Comuna tenim la pàtria,
comuna la lluita, ambdós.
La meva mà et dono,
com un germà et parlo.


Poema "Irmaus" de Celso Emilio Ferreiro.
Traducido ao catalán por Josep Anton Rabella.

VISCA CATALUNYA!!

segunda-feira, dezembro 05, 2005

rosanegra


Sinto que son cuneiforme e abstracta
Asoballada por miles de tumbas
De ananas brancas
As palabras coma puñais
Atravesan a miña capa celular
E sinto que son volátil e ínfima
Coma unha bolboreta
A punto de expirar
Nesta transición crepuscular

Cruz Martínez


POMBAS BRANCAS descenden dunha nube esgazada
fanse okupas de niños feitos nos tellados
.................................das fábricas de conserva
Chimpan sustancias nocivas na paisaxe
Estas pombas xa non son o que eran
unha adicción aos estupefacientes
.....................................fainas perder o norte

Impresas palabras debuxan versos libres
..................................................nas pancartas
que percorren rúas en cidades de rañaceos
...............................................................e asfalto
As loitas teñen un acedo sabor a desencanto

Dun tempo a esta parte contemplamos
a cor da mentira proxectada nas pantallas
e alguén dirá
que este é un país de oportunidades...

Fóra, na rúa
o desherdado, un de tantos, sen un can

domingo, dezembro 04, 2005

STELLA

Tantas mulleres cargadas, cos peitos secos
e a vida afondada entre as pegadas dos seus pés...
dores de sangue e mel.
Nais invisibles pero perpetuas,
fillos que non son fillos senón feridos...
Mulleres que berran sen facer ruído
cos ollos marróns e a pel queimada,
Mulleres cos fillos pendurados para transportar
unha pena e unha dor...
Mulleres que son femias defuntas,
porque a vida que lles nace é morte...
Morte imposta por un "imperativo social"...

Postal ilustrado

Lembro os negros humildes trabalhando,
Nas ruas de Luanda.
Por seu esforço, via-se alindando
E crecer a cidade, banda a banda.

Em seu olhar parecia que morrera
A flor da espr’ança
Eram vidas sem sol nem primavera
E diriam, talvez: ‹‹ a vida cansa ››…

A seu lado, a tristeza se criava
Mas que não era deles, pobres seres!
As suas almas era uma aljava
Que em silêncio guardava misereres.

E enquanto a exploraçao desenfreada
Se aturdia na lujuria e na paródia,
Àqueles pobres negros era dada
A criminal miséria de uma côdea!...

.......... A. Garibáldi

CIDADE - A. Reixa


vigo, xa teño estado eiquí noutro sitio
vigo verbo de mirar e non ver nada
vigo sen vivir en min
vigo beirut en cada estoupido líbano
vigo: muller barbuda
vigo, os dedos de fingers yaveh tiñan artrose en pegada e ría /
vigo: placenta de maná centrífugo
(o nacemento de vigo non é o belén da caixa de aforros)
vigo, os pastores do belén da CAV de tan hebreos son sionistas /
vigo nazareno (o cristo da victoria era de ourense)
vigo de grúas asombradas, vigo: lumpen salitre, vigo: bacallau /
vigo, en ti escarrancharon o desexo, os tranvías e os poetas épicos /
vigo: empanada de cebola
vigo é un campamento de refuxiados en territorio ocupado /
vigo de vigueses de viguesas de portuguesas que fan o francés /
vigo: ourensáns, vigo: chacho, vigo: barato, barato
vigo: peronismo de praias
vigo, o atlántico é unha piscina
vigo quere dicir vosoutros non sodes nosoutros
verso nº 20: vigo está feito do menisco dun mamut

Antón R. Reixa

quinta-feira, dezembro 01, 2005

XELA ARIAS

......A unidade componse.
.......Da desorde.

Desordénome, amor,
e dou co punto
único
do centro dos abrazos.

Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.

...... A unidade componse.

......Da desorde.

Do libro INTEMPÉRIOME (Corazón Cuestión)

terça-feira, novembro 29, 2005

Un poema de Minus Bálido

Prantas en Mugardos
Flores doutro mundo
Lobotomías para frores
Desgarros no pulmón-estrela
Eucarestías con grelos
Incomunicación e protosoedade
Silveiras e ortigas
Ortigueiras e carballeiras
Azul profundoŠ maremagnum
Respiración con gaitas
Roncos e articulacións varias
Pintas de onte
Cores de hoxe
Desenfocadas na pantallaŠ
Amor e carne
Sucicidios a cotío
Desesperados de mentira
Solicitamos ao baleiro
E non podemos
Máis que rir e mirarnos
Perseverar
Perversear
Soñar...
Comer máis froita
E cuspir aos carros
De policía ou non.

Unha palabra

Eu, que a estas alturas da vida,
xa non creo o que leo,
que finxo cada vez que trazo un verso,
e sei que non interesa, nin a min nin a ninguén.
Eu, que retirado como no poema de Jaime Gil de Biedma, /
nunha casa rural, cunha pequena horta,
maceiras, un curral de escasas galiñas,
e un andel con uns poucos libros fieis.
Eu, tras desta xanela
por onde se verte a secreta luz de febreiro,
decátome de que nada ten importancia,
de que todo fuxe cara o outro lado das montañas
para non volver. Eu, nugallán por vocación,
acepto a vida como ven, e non agardo
outra cousa que outro día máis idéntico a este mesmo día. /
Con indiferencia repaso quen fun,
cales foron os motivos que me levaron ata hoxe.
A min, digo, tamén me gustaría ser outro.
Ser Lord Dunsany paseando por Carcasona.
Ser aquel paisano cun feixe de vimbios na man
atando a viña, ou calquera que este momento estea
cruzando a estrada, por dicir algo, rumbo do supermercado. /
En silencio acepto quen son ou quen creo ser.
Con indiferencia deixo entrar a luz deste febreiro,
e tamén a miña vida, porque nada agardo.

Só unha caricia, unha palabra.

Rafael Viñó

domingo, novembro 27, 2005

Outra terra

........................................................... Habitaremos
........................................................... mundos de fantasmas
........................................................... (canción)
.............................................................. Oswaldo Rodríguez

Outro aeroporto
outra terra outro mar
outras nubes outro hemisferio
Vai calor e ti tremas
cando baixas do avion
e sobes outro escalon na vida
As maletas pechadas
polas chaves das feridas
que pode ou non curar o tempo
Levas nas maletas grandes
roupa libros cadros e discos
e instrumentos que non daras afinado
e na pequena a tua boigrafia
en papeis orixinais e copias
axendas fotos e cartas
e documentos con estupidos cuños
Outra cidade outra carretera
e outro semaforo que che fai parar
e logo di que pases
Outro barrio outr@s veciñ@s
outra casa outros cuartos
outros sorrisos outras penas
outro complicado equilibrio
e as mesmas maletas
que coas chaves das lembranzas
ti non podes abrir
Prova coas chaves da utopia

(1-00)

Manolo Pipas

CASCA

Aquí nos basta abrir de par en par
a folgada camisa
e sentir na pel pura
a intimidade do aire.

A sincera caricia do vivir
esgaza a súa casca
e taxa moi polo alto
a valía dun pétalo.

Vede: ensánchase o arraigamento
na terra temperán, onde xermola
este apertado tallo
de malogrado xullo.

Arrastra o ávrego os seus esponsais.

A súa mendicante dote.

É neste instante
cando tendes a túa man aberta
para ofrecer o corazón benigno,
alleo a tanta blasfemia e amargura,
limpo de culpabilidade,
sen pedir nada a cambio.


Telmo Fiz

quinta-feira, novembro 24, 2005

A palabra

A voz cobizosa non pode coa palabra,
que é un escachamento,
unha anguria, un témpano,
unha brétema covarde que invade Brigantium,
un claustro sereno.
Cada palabra é un beizo,
un peito, unha folla seca,
un agromar en azos de rebeldía,
un repousar do silencio,
un amencer brillante,
un verde triste,
un ocre,
un ouro mol que se bebe lentamente en cáliz sagrado.
Pasa o tempo e queda no ar un sopro,
con suspiros, risas, bagoas,
acochando o sangue quente
na soidade do camiño estreito.
Cando retorna: fire, ama e deleita
alporizando os ríos mansos,
atravesando centilantes lámpadas ,
penetrando en cada recanto ácido,
en cada celeiro escuro,
en cada cova estraña.
E vólvese fermento, gromo , grao
esperma milagroso
e sabia que embriaga
a lucidez dos homes.
.....................................Luís Viñas

quarta-feira, novembro 23, 2005

Ensaio sobre a Cegueira (Editorial Caminho, 1995)


“Trata-se de uma situação em que toda a gente cega e, a partir daí, ninguém sabe conviver, onde ir ou o que fazer, porque o mundo está organizado para quem vê. Então, sobem ao de cima os instintos maus, a necessidade de sobreviver contra os outros. É um livro duro. Mas os livros podem pouco. Se pudessem muito, se pudessem tudo, imagino que a humanidade seria mais feliz. Desejaria que o Ensaio sobre a Cegueira fizesse pensar, que ao lê-lo as pessoas perguntassem a si próprias: «É assim que somos? Aonde nos leva o caminho por onde vamos?» Se tal suceder já poderei dar-me por satisfeito.Vamo-nos habituando às coisas más, dolorosas, alucinantes. E perdemos a sensibilidade, a capacidade de reagir às coisas más, de combatê-las. Este livro é, de uma maneira transposta, a metáfora do medo real. Tinha que ser duro, porque o mundo é duro e violento. Foi a consciência desta sociedade que é a nossa que me levou a escrever este livro. É como quem cumpre um dever, uma obrigação. Se penso que as coisas estão assim, tenho que dizê-lo... Como se dissesse: como vamos? vamos mal. Não posso mudar o mundo, por isso a minha contribuição é escrever um livro onde o denuncie. E o leitor irá decidir até que ponto isso lhe interessa."

José Saramago

segunda-feira, novembro 21, 2005

DA PALABRA INDECISA

mol morno xofre baixo a peneda

o meu agonizo teu espenica

brúa este corazón sen voltas

fumega sen noite a presa palabra

durmente baixo o ceo da boca

indecisa



abilio rodríguez.

domingo, novembro 20, 2005

rosanegra



O home coma kamikaze das ideas
Suprímese a si mesmo cada mañá do ser
Xa non ten acougo a verba que dou vida
A esencia da noite dos tempos
A inutilidade dos membros faise feito
Coa esterilidade do poder
E xa non existen mais ca números primos
Detrás dunha pantalla dun ordenador calquera
O home é a prolongación dun futuro efémero
Mais a quen lle importa a verdade
Se o único real é foder ao irmán
Con aleivosía e disimulo enfermizo


Erótica - Alberte Momán

levas-me dentro
molhado na tua vulva
trémulo

com a excitação própria do proibido

(de "Erótica". Prémio Francisco Añón de Poesia 2004)
Alberte Momán

sábado, novembro 19, 2005

Lembrando a Xosé Carlos O'Framinor

EU SON ECO

Eu son eco
do eco das estrelas dos teus ollos,
cuspindo a miña boca seus poemas,
pois quéimanlle de cote nos seus beizos.
Eu son eco
do eco barulleiro, e silandeiro,
onde as estrelas, lumes, reverberan
tanxendo as loiras cordas dos cabelos:
estáticas fervenzas penduradas
no azul do íris dos teus ollos.

Eu son eco das túas verbas,
maruxía amante do Nordés que sae do peito.
Agárdote, estragado,
coa buguina arrepañando belas bolboretas,
sorrisos de "madona" misteriosa
e voo da neve dos teus dedos.

Eu son eco
e música de esferas
no ceo escintilante, de turquesa,
e dos degoiros tolos do meu peito.

Poema do libro " Faiscas e Folerpas"

sexta-feira, novembro 18, 2005

Cruz Martínez


CHOVE, É UN DÍA MARRÓN
percíbese unha estraña melancolía
.....................................................no ar
A mañá semella unha sinfonía inacabada
...............................................balada de outono
interpretada na quietude dun solpor
..................................................aparente
Pingas frías baten nas fiestras e xacen nos vidros
nunha perfecta interpretación dramática
O silencio acada temidas sombras
..................................................tépedas
e traspasa extensións grises coma nave illada
......................................................no inmenso océano
Os ocos das feridas atravesan longas avenidas
dunha cidade que se move ás présas
Os ollos formulan preguntas escuras
as repostas son estatuas mudas
nas prazas dunha evidente noite pecha
Pombas inmersas no seu holocausto
son asasinadas por un decreto, supostamente
.................................................................necesario

Chove, é un día marrón

Se soubese, faría cos elementos precisos
un blues, adecuado aos gatos que moran
................................nas inmediacións do inferno

quarta-feira, novembro 16, 2005

Lira Vargas


A noite era fria, Nair arruma uma pequena mala e vai para a rodoviária.
Chega no Rio de Janeiro ao amanhecer e sem rumo, segue pelas calçadas
até que chega na praça. Senta ao lado daquela pessoa ainda adormecida
em plena luz do dia. Fica olhando-a com carinho. De repente Sarita acorda
e depara com Nair. Apresentam-se e falam de seus problemas. Nair é muito
animada e diz que juntariam seus sonhos para saírem daquele pesadelo.
Nair trouxera algum dinheiro e procuram uma pensão. Trata de Sarita e
procuram o posto médico para saberem do resultado, e ficam sabendo
que Sarita tinha apenas uma virose e que o exame de HIV fora negativo.
Comemoram com alegria, até que Sarita confessa a Nair que era travesti.
Nair sorri daquele episodio e tramam projetos de vida. No pequeno quarto
Nair canta musicas da igreja para treinar a voz. Os dois fazem duplas com
musicas populares.

Fragmento do relato “ POR UM LUGAR NA CALÇADA"

Un poema de Gustavo García

Detrás de tí,
......... a cidade,
atroz, imensa, assasina.
Mas ti como si nada
seguias guiando a tua voz
aos limites incostestáveis

........ do pentagrama.
Eres sinsonte, voz de vida
inalcanzável.
I eu agardando
a que me cantes
como se esconde o sol
e saes tí,

....... lua cheia da cançom.

Gustavo García

segunda-feira, novembro 14, 2005

Entrevista en La Voz de Galicia

Los poetas saltan sobre la Red
Reportaje / Creatividad cibernética.
El colectivo vigués A Porta Verde do Sétimo Andar pasa de las reuniones de café a compartir su afición volcando sus trabajos a través de un blog.
(B. R. Sotelino. Vigo)

Los canales subterráneos de la creatividad se mueven cada vez más a través de Internet. Es el caso de A Porta Verde do Sétimo Andar, un colectivo vigués básicamente dedicado a la poesía, pero también abierto a todo tipo de manifestaciones artísticas. El grupo surgió hace aproximadamente cuatro meses de la escisión de otro, Formas Difusas. Como explica Alfonso Láuzara, uno de sus integrantes, «a característica que nos define é que nós somos descaradamente galeguistas, pero ao mesmo tempo con vocación universal e cosmopolita, interesados por acercarnos a outras culturas e países». El núcleo, junto a Láuzara, lo forman Luis Viñas, Cruz Martínez, Alberte Momán y Rosa Martínez, pero cuentan con un nutrido grupo de colaboradores. A través de un blog ( http://aportaverde.blogspot.com ), vuelcan sus obras en el espacio virtual compartiendo su afición literaria con todo aquel que desee abrir la puerta. «Trátase dun novo espazo creativo netamente galego, e aínda que hai moita poesía, é benvida calquera outra forma de expresión: fotografía, banda deseñada, pintura, música, etc. Desde que empezamos levamos xa máis de 1.700 visitas, que non está nada mal», comenta. Algunos publican sus propias creaciones. Otros también hacen homenajes a sus autores favoritos recordando algunas de sus piezas. Como curiosidad, Láuzara apunta que si bien a maior parte dos que entran no blog son de Galicia, o segundo país que nos visita é EE.UU.». El pasado sábado, el grupo realizó una presentación pública con un recital poético en el café Lenda Moura. Hasta ahora, las reuniones en los locales eran lo habitual: «Estabamos acostumados ao contacto físico e aínda que a canle de comunicación é mellor porque abarca máis e é un instrumento eficaz de cohesión, a nosa intención é tentar reunirnos cando podamos. Antes era case todas as semanas». Las xuntanzas, de hecho, también se llevan a cabo con colectivos gallegos de similares características.
(La Voz de Galicia. L8 / Vigo. Jueves, 27 de Octubre del 2005)

sexta-feira, novembro 11, 2005

CEPA

¿Quen me vai acompañar
nesta embriaguez,
nesta bondadosa hora
sen ataduras
e obrigación algunha,
agás darse ao lecer?

Que vendime a alegría a nosa cepa
e sexa de bo agoiro
ir apertando a nosa uva na lagarada,
cóbado con cóbado sempre,
en honesta compaña.

Sexa verdade o zume no padal.

Apuremos o trago,
dure no seu cometido
canto logramos,
dure o seu sedimento, e arraigue o pouso
da confiada alegría
nos nosos corazóns.

Telmo Fiz

Lume como o prestige

O sol cobrese en lariño
e non son as nubes

o sol cobrese en lira
e non é un eclipse

o sol cobrese en quilmas
e non son as neboas

o sol cobrese no pindo
e non son as mareas vivas
do crudo inverno

o sol cobrese en karnota
polas novas mareas de morte
do lume humano dun real inferno
(8-o5)

Manolo Pipas

quarta-feira, novembro 09, 2005

abelloar do sangue


Neste día
coloco esteos de salgueiro
no abelloar do sangue
que poupa en zig-zag coma unha serpe
e fende os mares de titanio
cunha fita vermella ato o corazón ígneo
que se torna un tucano doméstico e calado
no abalar das horas veñen minutos da distancia,
a lembranza, a voz, a árbore, a pedra
a luz dunha mañá de inverno,
cando a vida era un glosario ensarillado de verbas,
esnaquizadas de silencios e de esperas.

Luís Viñas

terça-feira, novembro 08, 2005

Pinga da memoria

Afumei o corazón en cada calada,
soñando contigo no fondo do bar,
pensándote en cada verso da miña libreta,
onde sucias palabras emerxen,
cando penso no que deixei escapar.

... … E agora lamento, non ter falado a tempo…


Alberto Fernández

domingo, novembro 06, 2005

BATEAS

Aquelas tardes de xuño,
de tanzas, anzol e miñoca,
esparexidos sobre os húmidos
e os encouzados aveños

da gamela. Unha voz
na rampla, con desgusto
roga, como se fosemos
a dar a volta ó mundo.

O proído prematuro,
igual, dalgunha maneira,
a estas tardes de adulto,
cando comezas un verso.

Vogabamos máis alá
do peirao, máis alá, xusto
máis alá do acordado,
con sesgada proa rumbo

ás bateas, con aquel
entusiasmo un tanto obtuso
de encontrada liberdade.

Algo semellante, xulgo,
a este oficio de pericia,
de paciencia, de desgustos:
“tan pronto sentas picar

pega un tirón, suave e brusco,
cara arriba”.

................... Pero peces
e versos, son moi astutos,
nos deixan o anzol limpo.


Rafael Viñó

quarta-feira, novembro 02, 2005

Presentación: A PORTA VERDE



APORTAVERDEDOSÉTIMOANDAR


O Sábado, día 22 de outubro, tivo lugar en Vigo, no local de Lenda Moura a presentación pública do grupo APORTAVERDEDOSÉTIMOANDAR.

Aínda que non pretendiamos que fora un acto de masas, foi para nós unha satisfacción
ter entre o público cun nutrido grupo de persoas, neste salto do espazo virtual a rúa.

O acto contou coa presenza dos membros fundadores do grupo e dalgúns dos nosos colaboradores. Leron poemas as seguintes persoas: Alfonso Láuzara
Cruz Martínez
Rosanegra (Rosa Martínez)
Luís Viñas
Abilio
Manolo Pipas

Tamén se leron textos doutros colaboradores que non puideron asistir ao acto:

Minus Bálido (Alfonso Rodríguez, Ourense)
Orisel Gaspar (Cuba)
Rut Rey (actualmente vive en Madrid)
Telmo Fiz ( A Fonsagrada)
Rafael Viñó (O Morrazo)
Carlos Tataje (Perú)

E contamos coa colaboración do pintor Diego de Giráldez.na elaboración do cartazo.

Despois de catro meses de presenza na rede, son máis de 2000 as visitas recibidas no nosa páxina, no ánimo de ampliar este espazo seguimos convidándote a que participes poñéndote en contacto con nós : aportaverde@gmail.com

traba-lingua

lingua limacha largacía
lingua lique guerla
con gula
lingua limo lento lingam engole
lingua lagarta buliga
gabea
gurgulla
lingua lombriga
o seu gume auga gorece
legado de gozo o seu ámago longo
bífida ou lambeteira
anguía ou londra
lingua gulosa
lingua lábil
cunnilingua


elvira riveiro tobío

terça-feira, novembro 01, 2005

A papá

.
........ .. O tristeiro soar do sino aínda me fire
............. e bate na miña alma como un martelo
................................................................... bate
...................................................................... bate ..
............___________________
......... Non chego a comprender
........ porque un corpo amado xace inerte
........ A existencia doutro tempo semella un soño
................................................................... cinza
....................................................................... nada
........ e entrégome á memoria dunha pantasma
........ que pronuncia sílabas frías
........ por entre o xeo dunha mortalla

................Cruz Martínez



Tiña 7 marzais nos meus ollos
e 7 ilusións
cando a irrupción da morte
petou na porta do corazón
e entrou o vento
e zoando traía unha despedida amarga
meu pai
un bico, na pálida meixela
sinalou un adeus final

rosanegra

segunda-feira, outubro 31, 2005

O Samaín

.......................A festa máis importante do período precristián,
.......................marcaba para os celtas o comezo dun novo ano.
.......................É a comuñón dos espíritos dos mortos cos vivos,
.......................nesta data, ábrense as portas entre este mundo
.......................e o máis aló, dándolle á xente a posibilidade de
.......................reunirse cos seus antepasados mortos.
..............

Mercedes Peón - "isué"


Unha muller impresionante
e arrebatadora
que escintila con vigor
na galaxia musical galega.

isué


De seu
O galego que non fala a língua da
sua terra
non sabe o que ten de seu,
non sabe o que ten de seu
perdidiño polo mundo
sen saber o que xa é meu,
perdidiño pola vida rexeita a sua
língua
sabendo que ven de atrás,
sabendo que ven de atrás
da nosa xente querida
¡ainda hoxe falámo-la!
falámola naturalmente
falamos como a nosa xente,
non nos podemos queixar.
O galego que non fala a língua da
sua terra
non sabe o que ten de seu,
non sabe o que ten de seu
nin é merecente dela, galego da
tua TERRA.

Letra: Mercedes Peón
Música: Mercedes Peón (voz) e Xosé Bugliot
Gaita galega: Xosé Manuel Budiño

sexta-feira, outubro 28, 2005

A Porta Verde en Lenda Moura...

Aportaverde


Lenda Moura (Hernán Cortés, 17 - Vigo)

Xuntanza. Un entrañábel fogar bohemio!

O fol do trastorno

Seica o fol que fai no vento trastorno
achega con nós o destino e a eiva

aviados imos se baixando
canda o prádio pandomio
polos seus carreiros de aire
xorde a voz do infausto
e non conservámo-la esperanza


Abilio

quinta-feira, outubro 27, 2005

Cruz Martínez


........................A face verde dun bufo aburrido, inmóvil
........................pernocta nas meniñas dun paparroibo
........................suicidado na fría transparenza
............................................do vidro dunha xanela
...................................................24.000 lesmas negras
.................................................................................invaden
........................espazos de humidade intensa
........................Periodos de transición agardan
................................................no outro lado da porta
........................onde os enigmas amoréanse
........................baixo as pegadas do incerto
........................Nostálxicas diapositivas
........................evocan memorias que rabuñan as gorxas
........................e a mudez forma cadaleitos de soños


........................Han bater as curuxas na durame
...............................................que te transita de PEDRA
........................Seino, hai un prognóstico de derrota
..............................................................pendurado no teito

A NOITE


A noite trae consigo o silencio
Que sabe a cosmos e ule a po de estrelas
É infindo e case mudo
Pero o seu murmurio retumba
Con miles de anos de pasado
A luz que atravesa o manto sagrado
Debuxa un coador de pintiñas escintilantes
Que dan nome ao misterio do homo...
A noite trae consigo a soidade do ser
Que translocen uns ollos somnolentos
Cara unha ansiedade crecente
Coma un saco negro que agocha
Tras as ventás, a triloxía dun mono
Que quixo coñecer a esencia escrita
Nun universo ateigado de interrogantes
rosanegra

quarta-feira, outubro 26, 2005

OURO NEGRO

Chove por fóra, choro por dentro
ollos que foron azuis de ozono
ceos que agora son de cemento
grises, bágoas coma pedras
terróns de salxemas
no café deste tempo.

Homes que pasan no tempo detido
pola rúa tomada de rostros alleos,
choutan os pasos, distintos
todos quedan sen dono
no chan que recolle bágoas do ceo,
segue chovendo ácedo diñeiro
pasa un felpudo pingando
que é un cadelo asustado
tamén sen ialma nen dono
e segue chovendo.

Ensimesmado deixo cae-la testa
na fonda escuridade do meu café
e vexo o arrepiante pozo negro
do Terceiro Mundo preto,
ouro negro para o G-7

(Rusia sería o oitavo pasaxeiro)
ouro negro para a canalla
unión europea e norteamericana.
Ouro negro. Maldito ouro negro.
Todos temo-lo nos beizos.


Alfonso Láuzara

domingo, outubro 23, 2005

Entre Tijuana e Melilla

Portas muros e fronteiras
soños rotos pesadelos
non nos levan a ningures
os camiños deste tempo

Raia seca que te queima
raia humida que molla
centos de aramios de espiños
o teu corazon devoran

Ser distinto é un delito
se non te ven non molestas
crudo hormigon deses muros
en vez de auga sangue leva

Entre gaza e miami
entre tijuana e melilla
pasan miserias e mortes
por enriba da utopia

Manolo Pipas
Vigo-Karnota (10-05)

quarta-feira, outubro 19, 2005

Ollo de artista

(obra de Diego de Giráldez)
Día 22 de outubro ás 22h.
En "Lenda Moura"
Hernán Cortés, 17 Vigo

domingo, outubro 16, 2005

Un poema de Minus Bálido

Miles davis era negro
Como o pensamento das campás hoxe
Pelé é negro
E as comedias norteamericanas tamén son negras
Boris vian era negro
Moitos negros para escritores brancos
Nubes negras que non descargan
Montes negros pesadelos negros
Negros despectivos negros cos dentes brancos
Negros sen diamantes
Luther king era negro
Coma o fume das chimeneas
Coma o carbón
Coma baltasar
Coma prestixiosos petroleiros
Ouro negro
Traballadores coma negros
Valados negros
Europa branca
Rezan as pintadas
Con mandamentos brancos despectivos
Con hipocresía das dúas velocidades
Coa hipocresía sen fronteiras
Europa vella
Chea de pitas e lagartixas verdes
Negra hipocresía
Ronaldinho é negro
Ás botas militares son negras
Ás botas dos futbolistas xa son brancas
Ás veces énchense de sangue
Coma as enxivias despois do cepillado
Coma os valados
Coma os dentes brancos dos negros
Que precisan do que lles corresponde
Que precisan ser marea
Para asaltar á comodidade branca
Á hipocresía branca
Á europa hipócrita branca
Que se debate entre morrer
Polo colesterol ou pola eutanasia
Pola senectude ou pola maldade
Os xovenes negros son anónimos
Non son miles davis
Pelé, luther king,
Baltasar ou ronaldinho
Son a terra máis anónima
Chea de sangue negra.

sábado, outubro 15, 2005

FATAIS

Fatais na alegría coreamos
polo baixo a cantiga maldicente
de sabernos cativos no desprezo
da noso arrebatado desamparo.

Aquí,
desguarnecidos da vida,
na intemperie,
e co xornal malsán da nosa alma
nos sustentamos.

Fatais na alegría
ouveamos perante o feitizo da lúa
en inhumana e fera malandanza.

Bailemos ao repique do seu acorde,
en desposado son.

Somos só afinada desmesura.

Cristal altisonante.

Ao seu embeleco nos avasalamos,
ao señorío cruel da súa clemencia.

Telmo Fiz

quarta-feira, outubro 12, 2005

Meses semanas horas









meses semanas horas
anos soltos
estacións perdidas
sementeiras estériles
máis aquela paisaxe:
días de verán dos teus ollos
trouxo unha colleita de soños
na memoria.

Luís Viñas

domingo, outubro 09, 2005

A moza do chapeu

..... A moza do chapeu, 1992 ( Diego de Giráldez)

Era un ave, viaxei a través da realidade
...............................................e o soño
Sentín que unha parte de min fuxía
traspasei no chiscar dun ollo unha galaxia de creacións
Os paxaros que vivían na miña alma
na fragua de cores e ansiedades
desbocadas a veces, outras
............................sosegadas
repousadas como a quietude da auga
..............................dun tranquilo río
foron capturados e logo
dende as súas palmas impregnadas de arte
.............................................liberáronse e
......................................................voaron
precipitáronse aos lenzos
como o mestre lles indicara
De repente vínme
sobre o escuro fondo do espazo
.................................
.........................................VIVA

Cruz Martínez






quinta-feira, outubro 06, 2005

rosanegra


Descompoño a vida en factores primos
Cada vez máis infinitos
Descompónse a materia orgánica
En micromoléculas elementais
Descompónse a túa ollada
En mensaxes subliminais
Descompónse a morte en ...
Partículas tridimensionais


A INMENSIDADE

(A Mariña... ¡tres soles de vida!)

Unha lus de futuro na oliveira inaugurou
dous anos plenos de revolución picariña.
Veciñanza de olladas fitan dous ceos xemelgos
... Nos teus ollos...
........................ Nos teus ollos vexo
o que non ten prezo no mercado humano.
Nos teus ollos...
venme todo o mar,
chóveme ceo a mares,
chégame toda a calor dun golpe
e dispárase o surtidor de sensacións
nunha explosión fascinante dos sentidos.
... Tra-los teus ollos...
está a inmensidade mariña.

Alfonso Láuzara

quarta-feira, outubro 05, 2005

O mar d@s pacific@s

................................................... Da chegada do inverno
................................................... Nada se sabe
...................................................... Marta Dacosta (poema)

O corazon é pobre de palabras
pensaba o noso amigo lihn
ollando as ondas do mar d@s pacific@s
e sentindo as rochas resistir

O corazon ten un lexico pobre
escribia o poeta nas cartas
buscando a melodia dos azuis
e bravos acordes de auga salgada

O corazon é pobre de palabras
sentia a trovadora ó cantar
mentres aloumiñaba cos seus dedos
unhas cordas que buscaban o mar

Manolo Pipas

terça-feira, outubro 04, 2005

Veraneantes

Subsistían un único verán,
logo partían co maleteiro
ateigado, e nos ollos o brillo do mar
para deixar a estela dun ridículo acento
que nos falaba de lugares
onde nunca iriamos
-ás veces embargábanos a sensación de ser
emigrantes no noso propio país.
Eran a praia, a rúa e as noites
unha festa provisional:
o exotismo da beleza estranxeira
sucando as ondas en táboas de surf;
a electrizante novidade do top-less
na praia do Camping;
holandesas – as queridas dos emigrados-
emerxendo do mar
como escumosas afroditas.
Logo, cara a setembro,
desde o coche, brandían os seus panos
con un vaivén políglota.


Rafael Viñó

segunda-feira, outubro 03, 2005

Cruz Martínez

A LUZ ABRÓLLASE docemente nos labios
Amantes espidos observan valados de cuspe
..........................................................que pegan bicos
nas cúspides tocadas pola paixón
As pucharcas acollen, rezuman líquidos
............................................................ zume
Zume con sabor a guacamole e a mazá

Esvaran coma bébedos sobre a superficie
...............................................................da pel
e as ondas do océano embaten na carne
con violencia taquicárdica
Faise a luz nos ventres
e no sétimo día descúbrense atallos
para acceder ao centro do volcán
Coas posicións perfectas pernottare
nell'altro corpo per sempre
sentire quella strana malattia
mentres a luz adónase dos corpos
en situación de perpetuo clímax

Televisión

A esa hora chegaba a miña vella,
xusto cando Billy Guffy, o baixo de The Cult,
daba aqueles pasos de comanche.
Wild hearted son!
¡Ah, fillo do corazón salvaxe!
A miña nai,
boqueando despois de fregar as oficinas do Fénix Español,
puña as zapatillas,
sentaba no sofá,
suspiraba fondamente
e cambiaba á primeira cadea.
Anda, pasmón, sae algo á rúa e espabila.
E entón apareceu na pantalla o Empire State
e a miña vella exclamou con tenrura:
¡Pobre da que teña que fregar todo iso!


MANUEL RIVAS

sábado, outubro 01, 2005

A Manuel Curros Enríquez

Camiñando polos xardíns de Vicenti
envólveme a escuridade, as tebras:
exhalan as palmeiras a súa limpa melancolía,
as cerdeiras florecen sangue,
brillan algúns grilos;
-entrementres-,
soñan os fungos os seus soños animais.

semellan os piñeiros
loitando
coas aciñeiras no ceo,
tecidas as copas enriba;
debaixo da lúa conxecturable.

un neno dorme
nun banco
na noite dos cartóns.

os muros dos mosteiros, dos cárceres
-ao lonxe,
tras das reixas-:
gardan os lindes, a Lei, o tempo...

Carlos Tataje (Perú)

sexta-feira, setembro 30, 2005

POLE



fai fonda na tripeira de platón
como o sol a arder tra-las silvas
a musa moribunda acouga
na peripla das exequias

.
abilio

quarta-feira, setembro 28, 2005

Erótica

Cravavas as unhas no ar
mantendo a respiração
para conter o mundo no peito
e soltá-lo de golpe
num verso


(de "Erótica". Prémio Francisco Añón de Poesia 2004)

Alberte Momán

terça-feira, setembro 27, 2005

Rut Rey

Soio son iso
......... Botixo erosionado
......... Por un cano de auga que é a vida
Resentida por un chorro desbordante
estiro os dedos na procura de arxila nómada
que esvarou máis alá de min

.............................................nunha praia,
.................................................................. nun camiño
(¿canto queda dos embistes que perviven lonxanos

............................................................na memoria /
............. das engoas empurradas cara a dentro?)
............. ENCONTRO O SENTIDO DO UNIVERSO
............. NA AUGA QUE FUXE LONXE DO MEU NIÑO
Dende esta monogamia

................................................... gota a gota
............. Que agarima os contornos

................................................... pule gretas
............. Que restaura beleza resquebraxada
................................................... bordes esportillados
................................................... gretas incipientes
Rebusco sinais de efluvios inundantes
............. e so encontro un continente erosionado
estendo os brazos,
........................... sinto
................ ENCONTRO O SENTIDO DO UNIVERSO
................ NAS ASTELAS ESPARCIDAS

Rut Rey

domingo, setembro 25, 2005

Snob-Top


A derradeira máquina do tempo
trouxo estraños seres
fillos da palabra esquecida
que non herdaron do berce
arrolos de aloumiño
e fan acopio do prestado
nunha sincrética snob-top
arelada singradura cara o vértigo
para confluír nos vértices
da familiar diglosia de atopías
en cuartos compartidos.
Luís Viñas

DE CATRO A CATRO

... Ao afogado


....XA CHE levaran os ollos
....relingadores de lonxanías
e pescadores de profondidades

...Xa che levaran a voz
...asolagada n-a furna xiróvaga
por onde escoan as tempestades

....Xa che levaran os azos
....enmallados n-a rede sonora
d'os cordaxes ereutos

....O vento aínda escovaba
c'as poutas d'escuma
....n-a xerfa
................mais cadaleitos

.... Ibas xuntando soedades
.....Por un burato d'o Mar
chopaches un día a buscar-te

.....A noiva goleta
.....enloitada de branco
.....que cose roitas esquencidas
.....acena n-o vento as suas velas
como ese pano d'as despedidas *


......MANOEL-ANTONIO

sexta-feira, setembro 23, 2005

OGALLÁ



Silvio Rodríguez






Ogallá que as follas non che toquen o corpo
cando caian
para que non as poidas converter en cristal
ogallá que a chuvia deixe de ser milagre
que baixa polo teu corpo
ogallá que a lúa poida saír sen ti
ogallá que a terra non che bique os pasos.


Ogallá se che acabe a mirada constante
a palabra precisa o sorriso perfecto
ogallá pase algo que te borre de pronto
unha luz cegadora un disparo de neve
ogallá polo menos que me leve a morte
para non te ver tanto para non te ver sempre
en tódolos segundos en tódalas visións
ogallá que non te poida tocar nin en cancións.


Ogallá que a aurora non de berros que caian
nas miñas costas
ogallá que o teu nome se lle esqueza a esa voz
ogallá as paredes non reteñan o teu ruído
de camiño canso
ogallá que o desexo se vaia tras de ti
ao teu vello goberno de defuntos e flores.


................... (BIS)

Silvio Rodríguez

domingo, setembro 18, 2005

rosanegra

..................................................................Diego de Giráldez



Hai cadros que non semellan tal
son anacos de realidade
impresos nun lenzo tridimensional
portas dimensionais que succionan
coma buratos negros
todo o que rodea o seu perímetro espacial
ollando un mundo aparte
facémonos pequenos seres
e voamos atrapados, como paxaros liberados
pero algo escapa...
non podemos palpar na súa esencia
que significa Realismo Nas
e coma Alicia espertamos do sono
sen comprender o porqué
só un soño e nada máis
dun pintor que nada nas augas universais

rosanegra


DORMINDO CO ASASINO

Unha muller sente como o loito se crava nos coitos
e visualizan cadáveres mutilados
.......................................AA face asasina asalta
............................................................provoca psicose

Corazón de coitelo
......................racha vidas coma se tal cousa
Arrola membros, defuntos membros
guindados na fondura dun río de sangue
agrandando un escenario de aforcados
.....................................................sorrisos de rapazas
Entrégase ao enfermo apetito de carne morta
Macho que só se lle ergue fronte ao impávido corpo
...................................................................dunha femia case morta

Mortes en serie desenterran pánico
Os espectros meten medo
e o terror imposibilita orgasmos


...............CRUZ MARTÍNEZ

A. Garibáldi

Condição


Servimos uma ideia, uma trincheira,
Mas que más qualidades não nos tomen:
Para que seja perfecta uma bandeira,
Forzosamente tem de o ser o homem

Versos en pantalón curto

Como quen regresa, exhausto, dos lugares
onde se ergue a felicidade,
como quen levanta os ollos da páxina
e ensimesmado busca no xardín
as mesmas palabras coas que poder
entenderse,

................... así regreso
polo camiño de albariños,
unha calorosa tarde de verán,
en pantalón curto e suorento,
co temor de chegar tarde a este poema.


Rafael Viñó

sábado, setembro 17, 2005

incandescentes voces

Incandescentes voces


O tempo, coma un fiaño,
cae denso desa ionosfera púrpura,
desleixase polo mastro dos días,
e cando ti ousado o convocas,
nese instante feliz,
fuxe atomizado en pálpebras,
en incandescentes voces.

E volve o devalar dos días
co ar transido en cada labra vella,
un viorto apertando cada minuto novo,
que se murcha entre os dedos,
esvarando ceibe ao chan escuro.

Pero aínda hai risos escondidos
nun labirinto de segundos
que aboian nas horas longas do solpor
con verbas, beizos e bágoas...

Luís Viñas

quarta-feira, setembro 14, 2005

VERMIÑOS

O home xa estaba ben borracho. Todo o que lle quedaba eran catro gotas e un par de botas raiadas de por entre as silveiras. Non estaba ledo e mirou pola botella: zarandeóuna e caeu o trofeo. Observóuno detidamente. Eructou e meteu o verme na boca, masticou un cacho e cuspíu moi forte ata estampalo contra a parede do cuarto onde o esperaba a súa sombra.
O home xa tiña todo preparado coas súas catiuscas verdes e o seu chaleco de camuflaxe, unha cana brillante, un río deslumbrante e un sol radiante perfilaban o éxito da pesca. Sacou á miñoca criada e procedía ao enganche cando os raios do sol deron con ela e os reflexos o hipnotizaron. Mirou o bicho de novo e entráronlle unhas ganas de comelo nese intre levóuno á boca e pechóuna despois cuspiu os restos ao río, mareóuse un chisco e trouxóu a roupa do trinque. Tivo que se limpar coa auga desa transparencia aberta de veda.
A muller rebulía na caixiña e por debaixo das follas só había nada, non o atopaba e sentíase moi triste. Mirou para a mesa-camiña e alí estaba reptando por entre o raso da tea. Ela botou a man cara el e no momento da conversión sorbéuno coa arela do nacimento das ás. Mais non puido resistir o seu sabor e a súa textura e o verme acabou no bater orballado de auga máis o pato wc. Logo dispúxose a mexar e quedou durmida.
Aquela muller espertou. Non se podía mover moito e só podía ver grazas a un vagalume que tiña no seu nariz. Puido obsevar que un exército de vermes procederían a rillala se non facía nada ao respecto. Dentro dunha caixa de piñeiro non valen as milongas. Ún a ún coméuse todos os comensais e utilizando o nariz como taladro saiu á superficie leda e enchida de vida.
Soubéranlle case tan ricos coma os vermiños da súa infancia.


Minus Bálido