quarta-feira, novembro 10, 2010

de MARÍA N. SOUTELO...

.
2. as mulleres
.
na cidade
as mulleres de pernas
brancas
comían cereixas


e contaban os matices de todo o verde.


recitaban poemas
absurdos
que falaban sobre a lúa.


medían
a distancia entre amar
e as súas dedas.
pasaban as horas
facendo encaixes de bolillos
e madeixas de brión
con que adornaban o seu cabelo alourado


e debullaban ervellas
no colo da súa saia mentres
os nenos durmían.

.
... do noso libro "Sétimo andar, poesía alén"
.

PRESENTACIÓN en Compostela!!

..
.
A Porta Verde do Sétimo Andar

p r e s e n t a

"Sétimo andar, poesía alén"
o seu 2º libro colectivo de poesía

en Compostela!!
Libraría Couceiro (praza de Cervantes)
Sábado, 13 de novembro. 12:30 h.

Agardámosvos alí!

.

domingo, novembro 07, 2010

PRESENTACIÓN en BUEU de "Sétimo andar, poesía alén"

.

De esquerda a dereita: Miguel A. Alonso Diz, Alba Méndez,
Alfonso Láuzara, Manolo Pipas e Alberte Momán
(Foto: Tanis Gamuzo, de Xeado de Toxo)

Miguel Alonso con Elvira Millán Liméns (convidada especial)
(Foto: Mari Porto)
.

(Foto: Mari Porto)
.
.

sexta-feira, novembro 05, 2010

de ALFONSO LÁUZARA...



.
SENTENCIA


Encolliches,
es un monstriño tenro
que dá voltas nesta hora
no remuíño maino do meu café,
nese raro xirar de zurdo redireccionado.
Afogarás
terás unha morte doce,
no fundo agarda ese lodo,
un pouso derretido de azucre moreno.

.

do noso libro "Sétimo andar, poesía alén"

.

quarta-feira, novembro 03, 2010

de ALBERTE MOMÁN...

.
SERMOS UN
.
........... I
queremos paz
se cinguimos os pasos
como obriga
a toda realidade práctica
queremos paz
se renunciamos a nós
ao ti e máis eu
que por vontade propia
decidimos perdernos polas congostras de Hío
e volver
sobre nós
e con nós ao mundo todo
con pé firme
que decidimos non esquecer
e figurar nesta nosa historia
que é a de todo un pobo
.
do noso libro "Sétimo andar, poesía alén"
.

segunda-feira, novembro 01, 2010

PRESENTACIÓN II

Eu non rindo falsa adoración
as grandes plumas
nin me adscribo a movementos
que me impulsen

non preciso de atallos
nin que sonoras voces me pronuncien

coñezo o límite dos meus ollos
e a forza do meu verbo

sosteño os meus soños cos beizos
e as miñas mans co vento

É por isto
que non mendigo sustento
nin arrolo un triste retrinco de papel
no meu corpo de neno

son libre mensaxeiro
dos meus versos

defensor do noso
asasino do ego

forxador do meu tempo

Miguel Ángel Alonso Diz

sábado, outubro 30, 2010

Versos de MANOLO PIPAS



a viva memoria
do pobo zapoteco
a longa historia
das comunidades mixes
as escuras raices
das tribos cuicatecas

as humidas cancions
das xentes ikoots
o duro camiño
da cultura mixteca
os bermellos huipiles
da nacion triqui
a maxia do rio
dos irmans chinantecos
a resistencia
dos pobos oaxaqueños


manolo pipas

derramouse mais sangue
estes ultimos dias
das fillas e fillos desta terra

versos do libro
viaxe ao pais das nubes
ilustracion de pedro currás
.
oaxaca galiza 2006
.

quinta-feira, outubro 28, 2010

A PORTA VERDE EN TELEVIGO

Alfonso Láuzara e Miguel Ángel Alonso tiveron a ocasión de conversar "Á sombra da oliveira" sobre poesía, proxectos, o novo libro que xa está na rúa e lingua con Lourdes.

domingo, outubro 24, 2010

UNHA PORTA VERDE NA PANIFICADORA



O vindeiro venres, día 29 de outubro terá lugar na Cova dos ratos un acto a prol da Panificadora ao que vos convidamos a asistir.


- 21:00. Apertura. Reparto do Manifesto de Entremos

- 21:15. Poema: "As voces do pan" da "Porta Verde do Sétimo Andar"

- 21:30. Documental: "Panificadora" de Miriam do Roxo

- 21.45. Charla: "A Panificadora na Encrucillada"


- 1. O Concello de Vigo e a Panificadora.

- 2. A sociedade viguesa e a Panificadora: as revindicacións sociais da Panificadora.

- 3. O Concello de Vigo e o Patrimonio Industrial

- 4. Propostas de reutilización



- 22:30 Debate: "Xeitos de entrar na Panificadora"

- 23:00 Empanada e conclusión.

PRESENTACIÓN EN MOAÑA DO LIBRO "SÉTIMO ANDAR, POESÍA ALÉN"















MÁXICA noite a vivida en Moaña o pasado venres día 22 de outubro, nunha biblioteca "Quintela" chea, escoitaronse as voces dos autores deste fermoso libro de poesía.

Agradecer a xente de Moaña a súa presencia e atención, ademais da súa implicación coa nosa cultura. Un bico para todas esas mulleres que asemellan estar esculpidas polo mesmo mar...
.

quinta-feira, outubro 21, 2010

de ALBA MÉNDEZ...

.
Os amores valentes son
como cando logras facer un límite
e tende a infinito.

Endexamais puideches amar tanto.
Endexamais sentiches o oco cheo
na metamorfose que sufriu teu corazón
que noutrora ficaba baleiro.

Xa non son bolboreta.

Até onde chegará
a miña singradura onda ti?
Os dous sabémo-lo que hai:
O agarimo e a paixón infindo dunhas chaves
para ser libres na terra
e saír das prisións
por ser ou estar comprometidos.

Aproxímase con designio
apaixonada a alborada,
renacendo a conxunción
da meniña
da maré salerosa do Morraço
e do paraíso do ceo
que ti representas.
.
....... do noso libro "Sétimo andar, poesía alén"
.

quarta-feira, outubro 20, 2010

A PORTA VERDE COA PANIFICADORA


Diversas noticias sobre a Panificadora; parece que o futuro asemella mellor para a nosa cidade.

http://xornal.vigo.org/xnnoticia.php?lang=gal¬icia=14252

http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2010/10/18/00031287403265265681431.htm

http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2010/10/18/caballero-plante-conservacion-ayuntamiento-vigo-conservara-integramente-panificadora-mayoritariamente-dotacional/482422.html


quarta-feira, outubro 13, 2010

Apresentação de "Sétimo andar, poesía alén" em Espinho

.




Fotos: Carlos Silva

.

Filo-café "Res pública / Res privada" do Porto

..
Fotos: Carlos Silva
.

Sétimo andar en Espinho

.
fomos a espinho a presentar
o segundo libro da porta verde
sétimo andar poesía alén
un pouco ao sul do rio douro
pertinho da beira do mar

dos anunciados falhou un
e partimos catro nun carro
e sen querer tivemos que pechar
unha segunda porta non verde
a que ti vinheras con nós

presentounos a associaçao extrapolar
e entre poemas monologos e debate
con velhos e novos companheiros
extrapolamos sobre o tempo este
e a nosa galaecia terra comun
e lonxanas rexions e tempos idos

como catro elementos fomos presentados
do espacio da chamada porta verde
e a alba á volta no carro o dia despois
definiu a materia de cada un dos elementos

alfonso aire sonhador entre nubes suaves
lume alberte entre paixon e incendiario
alba auga maré salerosa do morrasso
e pra min a terra cunhas boas palabras

.
..................... manolo pipas
posdata
tamen estivemos no filo café
do clube literario do porto
pero esa é outra desventura

.
do porto a vigo da tardinha
ao solpor a 10 de outubro

.

segunda-feira, outubro 11, 2010

XOGUEMOS

Xoguemos coma nenos na noite
que esbara o seu nome
polos corpos outrora celestes
da madrugada.

Xoguemos coma principiantes
que descobren o sol
na triste lúa que se agocha
na escuridade da ialma...

xoguemos até que as campás
do derradeiro viaxe
reclamen o silenzo,
xoguemos...

porque nestes xogos atoparemos
os beixos durmidos
as caricias luídas
as olladas calmas
a min... a ti... a nosa vida
aos nosos fillos...

XOGUEMOS!!!


Elvira Millán e Miguel Ángel Alonso