quarta-feira, junho 17, 2009

CAMBADOS TEN O SEU POETA, RAMÓN CABANILLAS

Cruz Martínez durante o recital
Obra de Luís Viñas ( No escuro)

Técnica mixta sobre lenzo

65x66cm, 2009
Acto homenaxe a Ramón Cabanillas celebrado o día 15 DE XUÑO-2009 ás 18:30h no Centro Comarcal EXPOSALNÉS (Cambados)

rosanegra recitando no acto

Saúl Otero organizador e colaborador do evento

domingo, junho 14, 2009

POEMAS DO DÍA E DA NOITE

POEMAS DO DÍA -III-
PRESENTACIÓN

Eu non son de dereitas
nin de esquerdas,
eu,
son do ceo e da terra,
fillo do mar e do vento;
náufrago dos meus soños,
preso do meu latexo.

Guerreiro ante inxustizas,
monxe no meu templo,
ferreiro na forxa, teus ollos,
pallaso no circo do tempo.
Miguel Ángel Alonso Diz

quarta-feira, junho 10, 2009

O CADRO


A figura do cadro non é real, mais semella un anaco de tempo que cobre a imaxe dunha muller. Ten volume e cor definido, é tan perfecta que ben pode ser unha foto impresa. Unha tea branca tapa a súa nudez e olla coas meniñas fixas nun punto incerto, o movemento puntual que abrangue todo un mundo tan sorprendente como infindo. A forma respira vida creada a partir da pintura e dunha man eficaz na precisión xeométrica. Os seus ollos reflicten a tristura de séculos pasados que cheiran a nostalxia e o podre dos fungos que parasitan a materia. Existe na escuridade do universo paralelo, aquel expresado dende a arte e o pensamento. E aí está impertérrita, aloumiñada entre o lusco-fusco e cun cobertor de señardade que a sostén “con manto branco”. A través da visión do artista-mago sae a eterna ligazón do espazo inconmensurable e do existencialismo artístico que debuxa un pincel.
Texto inspirado no cadro de Diego de Giráldez " Con manto branco" 2001
rosanegra

sexta-feira, junho 05, 2009

uns versos desde oaxaca

o semaforo e as chamacas

nun soleado semaforo da cidade
unha compañeira vestida de pallasa
xoga con bolas e fitas e pasa a gorra
e no mesmo cruce unha chiapaneca
chegada dos lonxanos e frios altos
coa sua ultima criança no reboso
tenta vender chicles con pouco exito
mentres eu na esquina tomo unhas fotos
da miña amiga dos malavares
que lle ensino a duas curiosas meniñas
que se sentaron nas mesmas escaleiras
e platico un pouco con elas
pero ven a sua nai e xa se nos van

dias despois no mesmo semaforo
as chamacas preguntaron á pallasa
el señor de las fotos no viene

oaxaca 10-2-09

manolo pipas

terça-feira, junho 02, 2009

Encontros no 7º andar

Foi o sábado pasado 30 de Maio, no café Uf. Alí, unha vez máis gozamos da palabra, da música e a amizade...
Moitas grazas a todos por compartir tan inesquecíbel intre connosco.
Na foto, de esquerda a dereita: Alfonso Láuzara, Enrique Leirachá, rosanegra, Concha Rousía, Servando Barreiro, Cruz Martínez e Manolo Pipas. Vídeos e foto: rosanegra e Cruz Martínez
Manolo Pipas

segunda-feira, junho 01, 2009

domingo, maio 31, 2009

Casa Museo Diego de Giráldez

O pasado domingo abriu de novo as portas... este é o terceiro aniversario da súa Casa Museo. Se queredes ver as numerosas obras do artista da Cañiza, todos os domingos está aberto ao público.

Foto: Begoña

quarta-feira, maio 27, 2009

Miguel Rubinos Conde

No fondo dos cinseiros
fósforos de ollos vermellos
fítanme...
o correr do día os dedos
parentes lonxincuos
Súbito,
nomes sen fin
ao telefone un río
o panadeiro
tamén a leiteira
as cousas
só paisaxes
rostros
son labios, sobrecellas
sobrecellas
dúbidas na xanela
finos cotobelos
xeonllos dobrando
na soidade do Metro
corenta direccións
e un só mesmo nome
e só o infinito.

segunda-feira, maio 25, 2009

Entrega do Pedrón de Ouro 2009 a Mini e Mero.

Para os que temos matria, na aldea onde nacemos e na lingua que herdamos, para os que nos chamamos Balbino e fomos exiliados de nós mesmos nas infancias de desterro e desleixo, as verbas , a palabra de Mini e Mero, onte na entrega do Pedrón de Ouro 2009, fíxomos tremer de emoción contida. Eles que con Fuxan os Ventos nos despertaron dun sono, manteñen case corenta anos despois a mesma fertilidade, a ilusión de ir sementando o País gran a gran para que as chairas sigan a florecer. Grazas amigos, aínda que sexan malos tempos, seguide, loguiño de clarexar..... desenfornaremos xuntos o pan para sempre compartilo.

Obrigados tamén con Mariana Ploae-Hanganu que recibiu o Pedrón de honra, por saber tecer un fermoso fío entre Rumanía, Galicia e Portugal a través da linguas, que non son fronteira senón irmandade.

Luís Viñas

domingo, maio 24, 2009

"TRIBUTO A JOSÉ AFONSO”

Foi o pasado xoves 21 de Maio no Verbum ás 20h.Participaron os seguintes artistas POESIA: Xosé María Alvarez Cáccamo-Maria Xosé Queizán-Manuel Forcadela- Adelaide Graça. (Portugal)MÚSICA:-Grupo Na Virada-José Pumar-Tino Baz-Ana Ribeiro (Portugal). O acto rematou cantando todos " Grândola vila morena" .Aquí lles deixo unha pequena mostra.

Vídeos: Cruz Martínez

sexta-feira, maio 22, 2009

Muíño rupestre achado na Serra da Groba

.Muíño rupestre do Corrubelo.
Serra da Groba
.
Esta curiosa peza é unha boa mostra dos numerosos xacementos arqueolóxicos da Serra da Groba, no Val Miñor. Atópase no recinto do I.E.S. 1º de Marzo, de Baiona (Pontevedra) grazas á iniciativa e interese dun profesor con importantes coñecementos de antropoloxía, e tamén á colaboración dun alumno do centro.
.

quarta-feira, maio 20, 2009

Os tempos son duros mais a vitoria é nosa


Poema homenaxe a Ramón Cabanillas

Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame
percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar

Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”

O tempo semella que é un rapsodo e declama
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio

Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!...”


Cruz Martínez

domingo, maio 17, 2009

Os galegos tomamos as rúas de Compostela...

...E berramos ben forte: " Sempre en Galiza, sempre en galego"; "Na Galiza en galego"...
Foi unha manifestación histórica. Non cabía un galego máis en Santiago!!.
No galego nin un paso atrás... defendendo o noso idioma, a nosa identidade...
















segunda-feira, maio 11, 2009

Orlando Pompeu " entre Vigo e París"

O artista Orlando Pompeu Amosa estes días a súa obra " entre Vigo e Paris" no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Dende o 2 a 31 de Maio, rúa Príncipe Nº 44.

Xa estivo noutras ocasións expoñendo na nosa cidade. Segundo as súas proprias palabras, gústalle moito Vigo e ven sempre que os seus compromisos llo permiten.

Nasceu a 24 de Maio de 1956, em Cepães, concelho de Fafe.
Estudou deseño, pintura e escultura en Barcelona, Porto e París. Nos anos 90 proseguiu no seu percurso artístico ao ir traballar para os Estados Unidos, e despois a Xapón. A sua obra consta de variadas colecións particulares e oficiais en Portugal, Galiza, Francia, Inglaterra, Brasil, Estados Unidos e Xapón.

http://www.orlandopompeu.com/








quarta-feira, maio 06, 2009

uns versos desde oaxaca

quinientos i tantos años
o el oro i los espejos

quinientos i tantos años
nuestros soles tan mal medidos
las lunas con las que vosotras caminabais
i que pasó con tus gentes en aquel tiempo
que pensarian los tuyos de los mios
el golpe de nuestro continente al vuestro

quinientos i tantos tantos años
vuestra evolucion natural cortada
i que queda de vuestras comunitarias vidas
esa luna con la que ahora yo camino
i que pensamos ahora unos de otras
ahora que los golpes vienen de tantos lados

quinientos i tantos tantos años
i cuantas historias tan mal medidas
i con la luna queremos seguir caminando

oaxaca 30-1-09

Manolo Pipas

sexta-feira, maio 01, 2009

Poema experimental colectivo

Vexo a morte nas fraguas.
Hai un pasamento inevitábel se non loitamos por preservar a nosa etnia.

Unha minoría densa conquistou o espazo lírico
cun botafumeiro de alcol fervente.

Canta máis tolerancia os verquidos
máis intolerancia as centolas.

a ablación
a castración dos corpos
dos sentimentos das ideas

Sinto a humillación do prisioneiro,
A soedade do mariñeiro,
o temor enchido
a un infindo esquecemento
de abeloiros,
que me deixe no derradeiro
unha tumba...
de nome baleiro.

Liberdade, no sol da amañecida,

do galego na túa lingua
Escuridade,
ABUR!

Cando bebes auga dache unha identidade.

















Que me queres amor se a meiga está no meu pensamento.

Si buscas la bondad entre el conflicto,
Trata de dar amor al incomprendido
sin entablar la guerra
Trata de ser bondad y comprender ahora
Y no crees conflicto y enemigos.

No medio da soidade da noite mais moura, párome.
A noite está a apoderarse de min, cando
ergo a vista e atopo a lúa.
A lúa, que coa súa luz imponme un
intre de acougo e felicidade.

A vida é bífida como unha serpe do deserto.


Poema feito o día 25 de abril no Café UF, " Encontros no 7º andar".
Moitas grazas a todos os que colaborastes cos vosos versos.

quarta-feira, abril 29, 2009

A memoria histórica en Teis (Vigo)

.."Na memoria dos homes e mulleres de Teis
asasinados e represaliados durante a ditadura fascista (1936-1975)
pola defensa da democracia e dos intereses populares.
Neste lugar foron asesinados
ANGELA IGLESIAS REBOLLAR e
JOSÉ RIEBLA GARCÍA (11-04-1937)

TEIS, 27 de Decembro de 2008"
++
Homenaxe no monte de A Guía (barrio de Teis) en Vigo
...

segunda-feira, abril 27, 2009

As fotos " Encontros no7º andar"

O 25 de abril, as paredes do Uf vibraron coa música e a poesía. Foi un acto a prol da nosa lingua. Houbo ademáis un nostálxico recordo da palabra e a música do Zé Afonso.
Moitas grazas a todos pola vosa presenza!












































quinta-feira, abril 23, 2009

O PRÓXIMO SÁBADO DÍA 25 DE ABRIL NO "CAFÉ UF"

A PARTIR DAS 20H.
Esperamos que poidades acompañarnos neste acto tan especial.
"A PROL DA LINGUA GALEGA"

quarta-feira, abril 22, 2009

Miguel Rubinos Conde

O rostro azul do ceo
Entre outeiros e vales
En fuxida polo bosque dos xeonllos
Que o fío da faca suca
En órbita de nudez exacta.

......................

Eterno todo é e flúe e arde no pasmo.

......................

Un lobo ouveante
polos campos da memoria
animais
polas canles
mastigadose a noite demorada
coma se fosede bovinos ruminada...
Sen lúa
silencionos ollos abertos
da noite toda.

domingo, abril 19, 2009

LIBERTAÇOM

.
Eu vou fazer apologia. De essa que nom deixam.
E que se transforma em auto-censura.
E que se chama medo. Em outros casos, covárdia.

Fago apologia da liberdade de quem está algemado.
A liberdade que vive nas celas de isolamento
e no papel de liar do economato.

Vou fazer apologia da dinamita de libertaçom
que rebente as cadeias.
Que deixe viver as vacas.
Que deixe estar os carvalhos.
Que me deixe falar.

Vou fazer apologia da resistência.
Ante o asfalto.
Ante o ouro.
Ante as frases de mentira.
O mercado, o prozac e a miséria.

Porque a esquerda está no centro,
............................................................ comercial.

Resistência frente a cumplicidade.
Resistência ante o invasor.

Para que se mantenha em pé a caso do Ricardo.
Para que se vejam os punhos de Rosalia.
Para que marche o medo.
Para poder respirar.

E ao sétimo dia descansarei,
porque, nom se se o sabes,
mas estou construíndo um mundo extraordinário.

Paco sempre diz que ele arranja o mundo cada tarde,
no pátio pequeno.
Ele e mais o basco.

É difícil arranjar mundos em primeiro grau.
Mas, ainda é mais difícil
aguardando um semáforo verde
no meio do atasco.
.
.................... - Charo López -
.

sexta-feira, abril 17, 2009

MEDO Á LIBERDADE

.
O corazón da besta nace no medio, xusto onde o amor pon o seu vestido máis fermoso. Cando ELA leva o traxe azul todo o teito da casa semella unha cunca celeste, sopa de estrelas eslamiadas como a cara que se che pon cando non miro dentro de ti, aí onde doe, onde os medos teñen forma de persiana caendo.

Atravesando as paredes do teu corpo non dou coa alma, non a vexo por ningures.
Ás veces a alma da xente é só unha superficie rugosa.
Saca as mans de dentro das potas, deixa o lápis de ollos e non te pintes coma unha exipcia, que estás botada a perder!

Deixa a cousa estar, que iso non se pode dicir. Non debes. É mellor calar.
SILENCIO. Cala, que calada estás máis guapa. Non digas nada. Deixa que as deformacións acaden o seu punto álxido e vaite, vai indo, como a aurora cando o sol de zinc se lle bota enriba.
Así, así mellor. Coloca as cadeiras na parte esquerda do cerebro, e pecha a porta da sentimentalide que aquí son todos burócratas, de burocracia.
“No me digas? No me lo puedo creer? En serio?”

Deixa que o seu desprezo caia coma un manto. Hai desprezos que nos sitúan lonxe. Pero non interesa estar nun espazo podre de poder.

“Hay un sitio para cada cosa y una cosa para cada sitio. A ver si te enteras, que pareces tonta!”

Mira que non entender algo tan simple. Pero ELA pensa sempre que é mellor saír da coraza que laiarse e andar polo chan coma os vermes. Acariña o lombo dos que están desfeitos, sente a súa radical e extrema pobreza. Ser pobre é unha dimensión descoñecida en Eurarquia. Os eurarcas nacen nas empresas e venden cartos e hipotecas a prezo de saldo. Nas súas cristaleiras publicitarias fan tapetes con fío de liño extraído da terra. As cousas fermosas veñen todas de aí, da terra, pero os eurarcas cren que o leite sae dos cartóns e aliméntan as crianzas á forza de tetrabrik.

Non sei porque ELA sempre relaciona isto coa idiocia.

Idiocia: estado de estupidez mental que nos impide discernir, detectar a fraude por máis evidente que esta sexa.

Nun mundo multicolor prefabricado. Aí queremos vivir. Non no da abella Maya, "a amiga de Willy", non. Tampouco non a de Picasso, coa cara deforme e tan estraña, non. Anque, pensándoo ben, talvez non fose tan rara, se cadra Picasso víanos tal e como somos…

Por iso, esta necesidade de aire.

Daquela bícame. Logo tamén, segue a enredarte na miña boca e fálame cos ollos de animal que tes. Mmmm… Sábesme a algas e sal.
Que doce sentir golpes de oxíseno entre os teus dentes e esquecer a rutina de ser consciente ou deixar de concentrarse nas raias das xirafas!

Decidido: vender a casa e os discos, lanzarse nun paracaídas pola ventá dun segundo piso, contemplar as sombras debuxadas no teito das casas, no faiado das cabezas da xente, nos caborcos lingüísticos de axentes contaminantes.
Prometido.
Ha disentir para rachar a porcelana toda.

.
........................... - Rosa Enríquez -

quarta-feira, abril 15, 2009

Téñote apegado

O cuspe lévame a dianteira, arreconchégate ao meu carón. Xa non existe espazo baleiro entre os dous. Téñote apegado e a miña lingua incontrolada faiche un recoñecemento exhaustivo. Estou esfameada!. Semello unha anaconda, que te xanta cunha voracidade que mete medo!.

Cruz Martínez

Este é un dos relatos eróticos escritos para " FERVE A REDE" 2009

http://www.vieiros.com/

terça-feira, abril 07, 2009

Salvación e Xustiza

.
Te quiero salvar de tu desnudez
en pleno centro de la soledad.
Me quiero salvar haciendo revolución
desde tu cuerpo por variar

(Silvio Rodríguez)
.

..... - SALVACIÓN E XUSTIZA -
.
Eis a cuestión. Es muss sein!
Procurar a salvación nas ideas ben levadas
con sentimento lume arterial arde avante.
Procurarmos xustiza nese horizonte vermello
onde escachan en cada solpor mil amenceres.
Nunca xuíz oh deus! Sempre parte
sen antídotos dos templos contra a miña infelicidade.
O horizonte seduce coa promesa arrubiada,
sen garantía, que o máis veloz tampouco alcanza.
Sálvese quen poida! e nin deus se salva.
E o peito inzado latexa coraxe e reclama sangue
e reclama e proclama o dereito a salvarme
de ti e de quen queira salvarme. Detente!
A túa xustiza ten fendas de intereses interesantes
e non sae de balde, non! chuza sangue.
Eu sei. A miña cabeza é un artefacto en silencio
que ti meu salvador manipular non sabes.
E ti sabes. A xustiza eterna dura un intre,
e nese intre podes xa para sempre salvarte.
Ou salvarte sen xustiza. Para que queres salvarte?
Vaite cara ese horizonte sempre, aínda que non alcances!

Eis a cuestión, meu amor. Ten que ser!
.
................................................. - Alfonso Láuzara -
.
Non hai salvadores supremos
nin reis, nin tribunos, nin deus
Témonos que salvar nós mesm@s

(da Internacional)
.

O futuro do Mercado do bolhão do Porto...

.
Salvação e justiça também para o Mercado do Bolhão do Porto
.

domingo, abril 05, 2009

POEMAS DO DÍA E DA NOITE

Á miña muller, miña noiva, miña compañeira, miña amiga...
A todas elas que son unha.
Grazas.
A Elisa e Moncho polas súas correccións,
ó meu irmán polos seus debuxos,
a María do Carme K. polo seu ánimo e atención,
e ós meus pais pola súa presenza.
POEMAS DO DÍA -II-

Hoxe aquí,
desde os teus ollos
proclamo a liberdade
das formas, das estrofas,
a miña propia liberdade
enchida;
a gloria da acción creadora
sobre as normas erixidas.

Pois non quero someter os versos
a cadeas de inquedanzas
que asoballen a esperanza
da miña xuventude tardía.

Non desexo que o desacougo
infindo dun mar eterno
afogue os soños dunha alma amorriñada.

Proclamo hoxe, aquí,
desde os teus ollos,
¡liberdade!.
Miguel Ángel Alonso Diz

quarta-feira, abril 01, 2009

Intantâneas (fragmentos)

Quatro ciclistas disputam-se o primeiro lugar. No cruze de duas avenidas cheias de gente, a estátua de um cavalo. A lua saindo sobre Hernández, Novo México. O estalido da bomba atómica. Uma linha negra sobre um quadro vermelho. Olhamos como se algo estivesse ante nossos olhos. Com o assento e o guidão, construiu a cabeça de um touro. A mirada de Juan Rulfo apoiado sobre uma calaveira. Os corvos descansam os trapos de suas asas no cume do poste. O futuro é um arpão detido no ar. Do barco, um homem cai ao mar. Duas gémeas cegas volteiam em direcção contrária; tomam-se da mão para cruzar a rua. Entre dois elefantes, uma mulher delgada com vestido de noiva, canta e eleva os braços. Da banana da manhã saem moscas. Aqui tinha uma estação de comboios. Senti-me um galo branco de briga. Nada me coroa nesta cidade de muros largos.
Ramón Peralta (México, 1972)

segunda-feira, março 30, 2009

As fotos " Encontros no 7º andar"














































.....................Estas son as fotos deste encontro. Agardo poder contar convosco o vindeiro mes ( seguramente o último sábado de abril). Grazas amigos, sen vós isto non sería posíbel!.

quarta-feira, março 25, 2009

Buscarás o aroma da terra

húmida
e a forza das raíces
intuída ós poucos
baixo a trenza de veas
do meu ventre

apalpando cas mans

porque xa non confías nas
palabras que digo
/paxaros sen ollos.

Buscarás o lume
e as pólas
máis flexibles

no remorso
do vento no temporal
para construír
fibras novas
de esperanza e cariño

con que poidas espirme
desta coiraza apodrecida que
non me deixa respirar
/apenas oírte berrar por mín

e así verme no teu abrazo
núa clara e limpa
como a luz
nos tellados
de vólta á casa.

E non poñerás
bandeiras brancas nas torres, NON!
porque
/xa nunca
penso renderme.

Mariola Soutelo

sábado, março 21, 2009

A entrada

.E todos os días, tras cruzar a entrada,
subía as escaleiras e exclamaba:
"Xa estou na casa!"
.
- Alba de Alba -
.

quinta-feira, março 19, 2009

xoves censurado

.
E eu eiquí, no medio
coma un xoves
a piques de ser democraticamente censurado
.
..................... - Alfonso Láuzara -

quarta-feira, março 18, 2009

Amante tocada pola antropofaxia

Son unha gata en celo, posúote
Iranse perpetuando, con vehemencia
as miñas pegadas na túa pel
Arrólome, miañando involucrada
nunha melodía que precede á cópula
Como preámbulo bailo sen saia
...........................................e agardo
a mutua penetración ao lírico universo
..................................................dos abrazos
Son comedora de carne
amante tocada pola antropofaxia
.......................................aproxímate
que morro por meterche o dente
Cruz Martínez
Este poema pertence ao poemario " Amante tocada pola antropofaxia"
gañador do primeiro premio de poesía no XXII Certame "Rosalía de Castro" 2008 Cornellá ( Barcelona)

segunda-feira, março 16, 2009

nas tebras

o que pregunta
no couzón da porta
non ten pan,
a casa onde chama
esta a escuras,
o tellado é o ceo,
o balcón é un barranco
que da a unha lameira,

a mesa encámbeo
é perfecta,
dous pratos brancos
e enriba deles
as entrañas
frías e negras
coméndoas a culleradas
a espera.

o que pregunta
entra e senta
o que lle abre
comparece,
os pés
bambéanse
debaixo da mesa.

o comedor sen luz
é un túnel cheo de feluxe
polo que pasa un vagón de tren
coas ventas abertas
sobre unha tela de araña
tecida polo silencio.

esta noite non se cea.
si non fora que sempre
é de noite nas tebras.

Enrique Leirachá Gutiérrez.

sábado, março 14, 2009

Miguel Rubinos

Eu choro de vida
tómbolas falsas, carrusel perdido
peras ou sardiñas fritas.
______________________


O futuro é poeira
soltos os ollos a enlouqueceren de ar
perpetuos ao infinito
os fados
todos insertos en ar
a bailar no espazo a tinxilo en fantasías
lazos, billas, cogomelos, ases -na poeira multicolor-
forcas de luz, pesadelos
Asombro ou paz?

sábado, março 07, 2009

Vivirán por sempre as bolboretas amarelas no teu etéreo ollar

ENCONTRO

Aliméntome de recordos
que escudriñan as miñas entrañas
adheríndose como sabandixas
ás paredes do meu ventre.
Entrégome ante a necesidade
de posuírte na túa totalidade.
Dispoño o meu corpo a túa chegada
unxíndoo cos meles
das miñas abondosas necesidades.
Greto o meu entusiasmo
preparando a miña corrupta pel
que olfactea o pracer de lambiscarte.
Volvo a ti sen reserva,
coa fame dos anos,
coa sede dos milenios.
Quero succionarte!
Beberte!
Lamberte!
Espérote coa ansiedade do famento.
Estás fronte a min,
es o meu alimento.
Revoando coa complicidade
das miñas trementes ás
ata atopar a profundidade do teu ollar
É alí onde te confesas.
Encontro a verdade
do teu pecado individual
que foxe de ti esquecendo o seu credo.
Abandónaste ás paixóns
seducindo os meus desexos
que se entregan aos teus rogos
indefensos o cadafalso dos teus bicos.
As miñas mans naufragan no teu peito
buscando a escura intimidade dos teus adentros.
Senten, indagan,descubrindo a fraxilidade
dos teus inviolables decretos.
Os meus dedos xogan no veludo do teu ardor,
o meu polgar fréase no abismo dos teus beizos
Engulido pola temperanza da túa lingua.
Fragméntanse as xélidas cadeas,
subxugando os meus impulsos destemperados.
Xa as túas mans apodéranse do meu corpo
rompendo a cortinaxe na que está envolvida.
Cae o enxoval da arañeira do tempo.
Agochados falecen os medos,
medran os seus dediños suxeitando os meus remorsos
que morren asfixiados,
esquecidos nalgún lugar do cello.
Empeza o xogo das paixóns,
as túas mans seguen descubrindo,
Indagando privados predios
que irrompes sen permiso de invasión.
Divírteste na miña humidade
que se conxela no espello da túa contemplación.
Cerras as cortinas dos teus lamentos
penetrando coa temperanza da túa pel
as miñas pálidas emulsións que famentas agárdante.
Arquéanse os corpos sen defensa,
instálome en ti vitoriosa,
adhírome a ti sen rendición.
Un, só un ser universal,
máxico,perenne.
Inmortal imaxe que se ergue,
convulsionados corpos que se devoran
con apetito descomunal.
Desenfreado alento de xemidos eternos,
líquidos combinados,
suores impregnados,
apetitos saciados de séculos aprazados.
Naufragamos no cansazo que reanima
alimentando envellecidos organismos
de volátiles órganos en éxtase absoluto
que revoan no meu ventre
como bolboretas amarelas.

Norma Lucía Camacho Reyes

terça-feira, março 03, 2009

" a porta verde do sétimo andar" presentouse en Porto

O sábado 28 de febreiro no " Clube Literário" ás 18h.
Foi un acontecemento inesquecíbel para nós, arroupados en todo momento por un selecto público e entregado.
Moitas grazas!!

















Na foto inferior, de esquerda a dereita: Servando Barreiro, Alfonso Láuzara, Luís Viñas, Cruz Martínez, Alberte Momán e rosanegra.








domingo, março 01, 2009

Outro contiño de María do Caramelo

.
Na miña casa hai ben tempo que o reloxio deixou de andar. Non sei exactamente cando foi que ocorreu, porque claro, entenderás que sen reloxio, ¿como hei medir o tempo? e dirás ti: pero máis ou menos has saber o tempo en días… ¨HA! O almanaque tamén decidiu deixar de moverse! agora, na miña casa sempre é xoves, non sei o mes nin o ano, pero sempre é xoves, eu coido que é xoves entre as sete e as oito do serán, e ti estás a piques de chegar para cear.
Ao primeiro coidei que era a pila, e cambieina; cando vin que non resultaba leveino ao reloxeiro… e non deu coa diagnose, disque todo debería ir perfectamente, pero eu chegaba á casa, pousábao na mesiña… e el quedaba caladiño, a mirar para min… Co almanaque non me esforcei tanto. Mais que nada porque non coñezo ninguén que arranxe almanaques. Pregunteille a Carballo se algunha vez lle tivera pasado algo semellante, mais nunca tal oira. Así que, finalmente, afíxenme a vivir en xoves, e a esperarte. Levántome non moi cedo. Pedín o día libre para arranxarme sen presa. Doume un baño quentiño en auga salgada, por que sei que vas vir, e que che gusta cheirarme, empezarás polo cabelo, afundindo os teus dedos nos meus rizos, para axudar a que o cheiro se despegue da epidermis, deteraste na nuca aspirando profundamente, pecharás os ollos e abrirás as ventás do nariz mentras te adentras debaixo da miña roupa, respirándome… Despois fago café e torradas, almorzo con parsimonia mentras imaxino que vestirei para sorprenderche. Saio á rua, merco o pan e escollo os mellores tomates para nós. Hoxe cearemos nomais unha taboa de afumados, pan con tomate e leituga. E viño! Viño tinto: para tinguir as linguas e o entendimento. Leo o xornal, e invariablemente todo ocorreu en mércores… O mercores é o dia mais activo da semana, todas as folgas ocorren en mércores, todas as crises se agravan en mércores, todas as guerras empezan en mercores, e tamén tódolos tratados se firman en mércores! Se eu fose mércores andaría pola rua coa cabeza moi alta, orgullosa de tantas cousas como ocorren no meu día.. ainda que se eu fose dia da semana , preferiría ser xoves, porque o xoves é o día en que ti ves cear, e é o dia máis feliz da semana enteira!. Depois dun longo paseo pola praia, xanto na taberna dos soportais, non quero adulterar o meu cheiro a impregnar o ar da casa. Volto, e agora leo para enganar a ansia de esperarte. Levántome, mírome no espello e decido que brincos levarei esta noite, de que cor pintarei os beizos... Saco o mantel de fío do chinero e estíroo na mesa, coidando que non queden arrugas... e é entón cando chamas... que non ves... que non virás nunca máis... eu sorrío porque sei que mañá xoves entre as sete e as oito te estarei esperando para cear...
.