quarta-feira, junho 17, 2009

rosanegra recitando no acto

Saúl Otero organizador e colaborador do evento

domingo, junho 14, 2009

POEMAS DO DÍA E DA NOITE

POEMAS DO DÍA -III-
PRESENTACIÓN

Eu non son de dereitas
nin de esquerdas,
eu,
son do ceo e da terra,
fillo do mar e do vento;
náufrago dos meus soños,
preso do meu latexo.

Guerreiro ante inxustizas,
monxe no meu templo,
ferreiro na forxa, teus ollos,
pallaso no circo do tempo.
Miguel Ángel Alonso Diz

quarta-feira, junho 10, 2009

O CADRO


A figura do cadro non é real, mais semella un anaco de tempo que cobre a imaxe dunha muller. Ten volume e cor definido, é tan perfecta que ben pode ser unha foto impresa. Unha tea branca tapa a súa nudez e olla coas meniñas fixas nun punto incerto, o movemento puntual que abrangue todo un mundo tan sorprendente como infindo. A forma respira vida creada a partir da pintura e dunha man eficaz na precisión xeométrica. Os seus ollos reflicten a tristura de séculos pasados que cheiran a nostalxia e o podre dos fungos que parasitan a materia. Existe na escuridade do universo paralelo, aquel expresado dende a arte e o pensamento. E aí está impertérrita, aloumiñada entre o lusco-fusco e cun cobertor de señardade que a sostén “con manto branco”. A través da visión do artista-mago sae a eterna ligazón do espazo inconmensurable e do existencialismo artístico que debuxa un pincel.
Texto inspirado no cadro de Diego de Giráldez " Con manto branco" 2001
rosanegra

sexta-feira, junho 05, 2009

uns versos desde oaxaca

o semaforo e as chamacas

nun soleado semaforo da cidade
unha compañeira vestida de pallasa
xoga con bolas e fitas e pasa a gorra
e no mesmo cruce unha chiapaneca
chegada dos lonxanos e frios altos
coa sua ultima criança no reboso
tenta vender chicles con pouco exito
mentres eu na esquina tomo unhas fotos
da miña amiga dos malavares
que lle ensino a duas curiosas meniñas
que se sentaron nas mesmas escaleiras
e platico un pouco con elas
pero ven a sua nai e xa se nos van

dias despois no mesmo semaforo
as chamacas preguntaron á pallasa
el señor de las fotos no viene

oaxaca 10-2-09

manolo pipas

terça-feira, junho 02, 2009

Encontros no 7º andar

Foi o sábado pasado 30 de Maio, no café Uf. Alí, unha vez máis gozamos da palabra, da música e a amizade...
Moitas grazas a todos por compartir tan inesquecíbel intre connosco.
Na foto, de esquerda a dereita: Alfonso Láuzara, Enrique Leirachá, rosanegra, Concha Rousía, Servando Barreiro, Cruz Martínez e Manolo Pipas. Vídeos e foto: rosanegra e Cruz Martínez
Manolo Pipas

segunda-feira, junho 01, 2009

domingo, maio 31, 2009

Casa Museo Diego de Giráldez

O pasado domingo abriu de novo as portas... este é o terceiro aniversario da súa Casa Museo. Se queredes ver as numerosas obras do artista da Cañiza, todos os domingos está aberto ao público.

Foto: Begoña

quarta-feira, maio 27, 2009

Miguel Rubinos Conde

No fondo dos cinseiros
fósforos de ollos vermellos
fítanme...
o correr do día os dedos
parentes lonxincuos
Súbito,
nomes sen fin
ao telefone un río
o panadeiro
tamén a leiteira
as cousas
só paisaxes
rostros
son labios, sobrecellas
sobrecellas
dúbidas na xanela
finos cotobelos
xeonllos dobrando
na soidade do Metro
corenta direccións
e un só mesmo nome
e só o infinito.

segunda-feira, maio 25, 2009

Entrega do Pedrón de Ouro 2009 a Mini e Mero.

Para os que temos matria, na aldea onde nacemos e na lingua que herdamos, para os que nos chamamos Balbino e fomos exiliados de nós mesmos nas infancias de desterro e desleixo, as verbas , a palabra de Mini e Mero, onte na entrega do Pedrón de Ouro 2009, fíxomos tremer de emoción contida. Eles que con Fuxan os Ventos nos despertaron dun sono, manteñen case corenta anos despois a mesma fertilidade, a ilusión de ir sementando o País gran a gran para que as chairas sigan a florecer. Grazas amigos, aínda que sexan malos tempos, seguide, loguiño de clarexar..... desenfornaremos xuntos o pan para sempre compartilo.

Obrigados tamén con Mariana Ploae-Hanganu que recibiu o Pedrón de honra, por saber tecer un fermoso fío entre Rumanía, Galicia e Portugal a través da linguas, que non son fronteira senón irmandade.

Luís Viñas

domingo, maio 24, 2009

"TRIBUTO A JOSÉ AFONSO”

Foi o pasado xoves 21 de Maio no Verbum ás 20h.Participaron os seguintes artistas POESIA: Xosé María Alvarez Cáccamo-Maria Xosé Queizán-Manuel Forcadela- Adelaide Graça. (Portugal)MÚSICA:-Grupo Na Virada-José Pumar-Tino Baz-Ana Ribeiro (Portugal). O acto rematou cantando todos " Grândola vila morena" .Aquí lles deixo unha pequena mostra.

Vídeos: Cruz Martínez

sexta-feira, maio 22, 2009

Muíño rupestre achado na Serra da Groba

.Muíño rupestre do Corrubelo.
Serra da Groba
.
Esta curiosa peza é unha boa mostra dos numerosos xacementos arqueolóxicos da Serra da Groba, no Val Miñor. Atópase no recinto do I.E.S. 1º de Marzo, de Baiona (Pontevedra) grazas á iniciativa e interese dun profesor con importantes coñecementos de antropoloxía, e tamén á colaboración dun alumno do centro.
.

quarta-feira, maio 20, 2009

Os tempos son duros mais a vitoria é nosa


Poema homenaxe a Ramón Cabanillas

Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame
percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar

Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”

O tempo semella que é un rapsodo e declama
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio

Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!...”


Cruz Martínez