domingo, maio 31, 2009

Casa Museo Diego de Giráldez

O pasado domingo abriu de novo as portas... este é o terceiro aniversario da súa Casa Museo. Se queredes ver as numerosas obras do artista da Cañiza, todos os domingos está aberto ao público.

Foto: Begoña

quarta-feira, maio 27, 2009

Miguel Rubinos Conde

No fondo dos cinseiros
fósforos de ollos vermellos
fítanme...
o correr do día os dedos
parentes lonxincuos
Súbito,
nomes sen fin
ao telefone un río
o panadeiro
tamén a leiteira
as cousas
só paisaxes
rostros
son labios, sobrecellas
sobrecellas
dúbidas na xanela
finos cotobelos
xeonllos dobrando
na soidade do Metro
corenta direccións
e un só mesmo nome
e só o infinito.

segunda-feira, maio 25, 2009

Entrega do Pedrón de Ouro 2009 a Mini e Mero.

Para os que temos matria, na aldea onde nacemos e na lingua que herdamos, para os que nos chamamos Balbino e fomos exiliados de nós mesmos nas infancias de desterro e desleixo, as verbas , a palabra de Mini e Mero, onte na entrega do Pedrón de Ouro 2009, fíxomos tremer de emoción contida. Eles que con Fuxan os Ventos nos despertaron dun sono, manteñen case corenta anos despois a mesma fertilidade, a ilusión de ir sementando o País gran a gran para que as chairas sigan a florecer. Grazas amigos, aínda que sexan malos tempos, seguide, loguiño de clarexar..... desenfornaremos xuntos o pan para sempre compartilo.

Obrigados tamén con Mariana Ploae-Hanganu que recibiu o Pedrón de honra, por saber tecer un fermoso fío entre Rumanía, Galicia e Portugal a través da linguas, que non son fronteira senón irmandade.

Luís Viñas

domingo, maio 24, 2009

"TRIBUTO A JOSÉ AFONSO”

Foi o pasado xoves 21 de Maio no Verbum ás 20h.Participaron os seguintes artistas POESIA: Xosé María Alvarez Cáccamo-Maria Xosé Queizán-Manuel Forcadela- Adelaide Graça. (Portugal)MÚSICA:-Grupo Na Virada-José Pumar-Tino Baz-Ana Ribeiro (Portugal). O acto rematou cantando todos " Grândola vila morena" .Aquí lles deixo unha pequena mostra.

Vídeos: Cruz Martínez

sexta-feira, maio 22, 2009

Muíño rupestre achado na Serra da Groba

.Muíño rupestre do Corrubelo.
Serra da Groba
.
Esta curiosa peza é unha boa mostra dos numerosos xacementos arqueolóxicos da Serra da Groba, no Val Miñor. Atópase no recinto do I.E.S. 1º de Marzo, de Baiona (Pontevedra) grazas á iniciativa e interese dun profesor con importantes coñecementos de antropoloxía, e tamén á colaboración dun alumno do centro.
.

quarta-feira, maio 20, 2009

Os tempos son duros mais a vitoria é nosa


Poema homenaxe a Ramón Cabanillas

Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame
percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar

Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”

O tempo semella que é un rapsodo e declama
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio

Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!...”


Cruz Martínez

domingo, maio 17, 2009

Os galegos tomamos as rúas de Compostela...

...E berramos ben forte: " Sempre en Galiza, sempre en galego"; "Na Galiza en galego"...
Foi unha manifestación histórica. Non cabía un galego máis en Santiago!!.
No galego nin un paso atrás... defendendo o noso idioma, a nosa identidade...
















segunda-feira, maio 11, 2009

Orlando Pompeu " entre Vigo e París"

O artista Orlando Pompeu Amosa estes días a súa obra " entre Vigo e Paris" no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Dende o 2 a 31 de Maio, rúa Príncipe Nº 44.

Xa estivo noutras ocasións expoñendo na nosa cidade. Segundo as súas proprias palabras, gústalle moito Vigo e ven sempre que os seus compromisos llo permiten.

Nasceu a 24 de Maio de 1956, em Cepães, concelho de Fafe.
Estudou deseño, pintura e escultura en Barcelona, Porto e París. Nos anos 90 proseguiu no seu percurso artístico ao ir traballar para os Estados Unidos, e despois a Xapón. A sua obra consta de variadas colecións particulares e oficiais en Portugal, Galiza, Francia, Inglaterra, Brasil, Estados Unidos e Xapón.

http://www.orlandopompeu.com/