segunda-feira, março 30, 2009

As fotos " Encontros no 7º andar"














































.....................Estas son as fotos deste encontro. Agardo poder contar convosco o vindeiro mes ( seguramente o último sábado de abril). Grazas amigos, sen vós isto non sería posíbel!.

quarta-feira, março 25, 2009

Buscarás o aroma da terra

húmida
e a forza das raíces
intuída ós poucos
baixo a trenza de veas
do meu ventre

apalpando cas mans

porque xa non confías nas
palabras que digo
/paxaros sen ollos.

Buscarás o lume
e as pólas
máis flexibles

no remorso
do vento no temporal
para construír
fibras novas
de esperanza e cariño

con que poidas espirme
desta coiraza apodrecida que
non me deixa respirar
/apenas oírte berrar por mín

e así verme no teu abrazo
núa clara e limpa
como a luz
nos tellados
de vólta á casa.

E non poñerás
bandeiras brancas nas torres, NON!
porque
/xa nunca
penso renderme.

Mariola Soutelo

sábado, março 21, 2009

A entrada

.E todos os días, tras cruzar a entrada,
subía as escaleiras e exclamaba:
"Xa estou na casa!"
.
- Alba de Alba -
.

quinta-feira, março 19, 2009

xoves censurado

.
E eu eiquí, no medio
coma un xoves
a piques de ser democraticamente censurado
.
..................... - Alfonso Láuzara -

quarta-feira, março 18, 2009

Amante tocada pola antropofaxia

Son unha gata en celo, posúote
Iranse perpetuando, con vehemencia
as miñas pegadas na túa pel
Arrólome, miañando involucrada
nunha melodía que precede á cópula
Como preámbulo bailo sen saia
...........................................e agardo
a mutua penetración ao lírico universo
..................................................dos abrazos
Son comedora de carne
amante tocada pola antropofaxia
.......................................aproxímate
que morro por meterche o dente
Cruz Martínez
Este poema pertence ao poemario " Amante tocada pola antropofaxia"
gañador do primeiro premio de poesía no XXII Certame "Rosalía de Castro" 2008 Cornellá ( Barcelona)

segunda-feira, março 16, 2009

nas tebras

o que pregunta
no couzón da porta
non ten pan,
a casa onde chama
esta a escuras,
o tellado é o ceo,
o balcón é un barranco
que da a unha lameira,

a mesa encámbeo
é perfecta,
dous pratos brancos
e enriba deles
as entrañas
frías e negras
coméndoas a culleradas
a espera.

o que pregunta
entra e senta
o que lle abre
comparece,
os pés
bambéanse
debaixo da mesa.

o comedor sen luz
é un túnel cheo de feluxe
polo que pasa un vagón de tren
coas ventas abertas
sobre unha tela de araña
tecida polo silencio.

esta noite non se cea.
si non fora que sempre
é de noite nas tebras.

Enrique Leirachá Gutiérrez.

sábado, março 14, 2009

Miguel Rubinos

Eu choro de vida
tómbolas falsas, carrusel perdido
peras ou sardiñas fritas.
______________________


O futuro é poeira
soltos os ollos a enlouqueceren de ar
perpetuos ao infinito
os fados
todos insertos en ar
a bailar no espazo a tinxilo en fantasías
lazos, billas, cogomelos, ases -na poeira multicolor-
forcas de luz, pesadelos
Asombro ou paz?

sábado, março 07, 2009

Vivirán por sempre as bolboretas amarelas no teu etéreo ollar

ENCONTRO

Aliméntome de recordos
que escudriñan as miñas entrañas
adheríndose como sabandixas
ás paredes do meu ventre.
Entrégome ante a necesidade
de posuírte na túa totalidade.
Dispoño o meu corpo a túa chegada
unxíndoo cos meles
das miñas abondosas necesidades.
Greto o meu entusiasmo
preparando a miña corrupta pel
que olfactea o pracer de lambiscarte.
Volvo a ti sen reserva,
coa fame dos anos,
coa sede dos milenios.
Quero succionarte!
Beberte!
Lamberte!
Espérote coa ansiedade do famento.
Estás fronte a min,
es o meu alimento.
Revoando coa complicidade
das miñas trementes ás
ata atopar a profundidade do teu ollar
É alí onde te confesas.
Encontro a verdade
do teu pecado individual
que foxe de ti esquecendo o seu credo.
Abandónaste ás paixóns
seducindo os meus desexos
que se entregan aos teus rogos
indefensos o cadafalso dos teus bicos.
As miñas mans naufragan no teu peito
buscando a escura intimidade dos teus adentros.
Senten, indagan,descubrindo a fraxilidade
dos teus inviolables decretos.
Os meus dedos xogan no veludo do teu ardor,
o meu polgar fréase no abismo dos teus beizos
Engulido pola temperanza da túa lingua.
Fragméntanse as xélidas cadeas,
subxugando os meus impulsos destemperados.
Xa as túas mans apodéranse do meu corpo
rompendo a cortinaxe na que está envolvida.
Cae o enxoval da arañeira do tempo.
Agochados falecen os medos,
medran os seus dediños suxeitando os meus remorsos
que morren asfixiados,
esquecidos nalgún lugar do cello.
Empeza o xogo das paixóns,
as túas mans seguen descubrindo,
Indagando privados predios
que irrompes sen permiso de invasión.
Divírteste na miña humidade
que se conxela no espello da túa contemplación.
Cerras as cortinas dos teus lamentos
penetrando coa temperanza da túa pel
as miñas pálidas emulsións que famentas agárdante.
Arquéanse os corpos sen defensa,
instálome en ti vitoriosa,
adhírome a ti sen rendición.
Un, só un ser universal,
máxico,perenne.
Inmortal imaxe que se ergue,
convulsionados corpos que se devoran
con apetito descomunal.
Desenfreado alento de xemidos eternos,
líquidos combinados,
suores impregnados,
apetitos saciados de séculos aprazados.
Naufragamos no cansazo que reanima
alimentando envellecidos organismos
de volátiles órganos en éxtase absoluto
que revoan no meu ventre
como bolboretas amarelas.

Norma Lucía Camacho Reyes

terça-feira, março 03, 2009

" a porta verde do sétimo andar" presentouse en Porto

O sábado 28 de febreiro no " Clube Literário" ás 18h.
Foi un acontecemento inesquecíbel para nós, arroupados en todo momento por un selecto público e entregado.
Moitas grazas!!

















Na foto inferior, de esquerda a dereita: Servando Barreiro, Alfonso Láuzara, Luís Viñas, Cruz Martínez, Alberte Momán e rosanegra.








domingo, março 01, 2009

Outro contiño de María do Caramelo

.
Na miña casa hai ben tempo que o reloxio deixou de andar. Non sei exactamente cando foi que ocorreu, porque claro, entenderás que sen reloxio, ¿como hei medir o tempo? e dirás ti: pero máis ou menos has saber o tempo en días… ¨HA! O almanaque tamén decidiu deixar de moverse! agora, na miña casa sempre é xoves, non sei o mes nin o ano, pero sempre é xoves, eu coido que é xoves entre as sete e as oito do serán, e ti estás a piques de chegar para cear.
Ao primeiro coidei que era a pila, e cambieina; cando vin que non resultaba leveino ao reloxeiro… e non deu coa diagnose, disque todo debería ir perfectamente, pero eu chegaba á casa, pousábao na mesiña… e el quedaba caladiño, a mirar para min… Co almanaque non me esforcei tanto. Mais que nada porque non coñezo ninguén que arranxe almanaques. Pregunteille a Carballo se algunha vez lle tivera pasado algo semellante, mais nunca tal oira. Así que, finalmente, afíxenme a vivir en xoves, e a esperarte. Levántome non moi cedo. Pedín o día libre para arranxarme sen presa. Doume un baño quentiño en auga salgada, por que sei que vas vir, e que che gusta cheirarme, empezarás polo cabelo, afundindo os teus dedos nos meus rizos, para axudar a que o cheiro se despegue da epidermis, deteraste na nuca aspirando profundamente, pecharás os ollos e abrirás as ventás do nariz mentras te adentras debaixo da miña roupa, respirándome… Despois fago café e torradas, almorzo con parsimonia mentras imaxino que vestirei para sorprenderche. Saio á rua, merco o pan e escollo os mellores tomates para nós. Hoxe cearemos nomais unha taboa de afumados, pan con tomate e leituga. E viño! Viño tinto: para tinguir as linguas e o entendimento. Leo o xornal, e invariablemente todo ocorreu en mércores… O mercores é o dia mais activo da semana, todas as folgas ocorren en mércores, todas as crises se agravan en mércores, todas as guerras empezan en mercores, e tamén tódolos tratados se firman en mércores! Se eu fose mércores andaría pola rua coa cabeza moi alta, orgullosa de tantas cousas como ocorren no meu día.. ainda que se eu fose dia da semana , preferiría ser xoves, porque o xoves é o día en que ti ves cear, e é o dia máis feliz da semana enteira!. Depois dun longo paseo pola praia, xanto na taberna dos soportais, non quero adulterar o meu cheiro a impregnar o ar da casa. Volto, e agora leo para enganar a ansia de esperarte. Levántome, mírome no espello e decido que brincos levarei esta noite, de que cor pintarei os beizos... Saco o mantel de fío do chinero e estíroo na mesa, coidando que non queden arrugas... e é entón cando chamas... que non ves... que non virás nunca máis... eu sorrío porque sei que mañá xoves entre as sete e as oito te estarei esperando para cear...
.

sexta-feira, fevereiro 27, 2009

(RE)FLEXIÓNS

.
Estamos en crise
hai que reflexionar disque
Reflexiona ti
vai ti reflexionando
xenuflexión política
zapateiro aos teus zapatos,
que eu che veño de facer 500 (re)flexións
na cadea do traballo
e aghora vou cara á taberna do meu compadre
por un chato
vou polo vento, veño polo aire
Vou ir indo
Vou tirando
.
........... - Alfonso Láuzara -
.

quarta-feira, fevereiro 25, 2009

Outro café con panela

.
outro cafe con canela e panela pues
foi un dia para platicar do que nos une
que facemos aki cara onde e como imos
e agora na noite escoito varias conversas
e reflexiono neste mesmo espacio colectivo
e van asentando as vivencias e as ideas
como asentaron os grans do café logo de ferver
pero os ollos do jaguar da mascara
e das varias caras pintadas das paredes
que non me deixan e eu non deixo de darlle voltas
a digna raiva a oaxaca a grecia e a palestina
e as rolas das jaranas do papaloapam na computadora
dan paso aos buzukis e as voces mediterraneas
e contesto un correo da vella europa do norte
dun amigo que quere voltar a este espacio
e petan na porta compas que están de paso
uns dias entre nos e dan paso a outros compas
e agora canta o mikel laboa que se nos foi
palabras da terra e da terra as vivas palabras
e no anafre outra pota a ferver que xa arrecende
.
casona crespo 21-1-09
Manolo Pipas
.

terça-feira, fevereiro 24, 2009

Será en Porto o próximo sábado, día 28 de febreiro ás 18:00h.


Presentamos o noso libro. Para nós sería un pracer contar coa presenza de todos os nosos amigos. Un agarimoso saúdo do colectivo." A porta verde do sétimo andar"


" Clube Literário do Porto"
Rua Nova da Alfândega, Nº 22
PORTO ( Portugal)

sexta-feira, fevereiro 20, 2009

As fotos " ENCONTROS NO 7º ANDAR"

O mércores pasado abriuse a porta, no seu primeiro encontro.
O son da música danzou entre a palabra, a imaxe... e trocounos en seareiros dunha liberdade que antollabamos certa.

Cruz Martínez




























Grazas a Iván por fotografarnos tan ghuapos!

quarta-feira, fevereiro 18, 2009

SENTENCIA

..
Encolliches,
es un monstriño tenro
que dá voltas nesta hora
no remuiño maino do meu café,
nese raro xirar de zurdo redireccionado.
Afogarás
terás unha morte doce,
no fundo agarda ese lodo,
un pouso derritido de azucre moreno.
.
................. - Alfonso Láuzara -