domingo, julho 13, 2008

PARAÑOIA



- detalles recibidos de Igor Lugris -


sexta-feira, julho 11, 2008

O submariño de Sanjurjo Badía...

.

O submariño de Sanjurjo Badía (1898) deseñado para a defensa da bahía de Vigo. Unha reliquia dos tempos en que Teis tiña armada. ;-) Está exposto de xeito permanente no Museo do Mar, de Vigo.

........ - sc. afonso trece -

quarta-feira, julho 09, 2008

mulleres mesoamericanas

oaxaca 1-08

as veces cando unha muller camiña
non sabemos que leva no seu rebozo
a sua crianza vai toda tapada e retorcita
e confundimola con outros bultos

chamula 3-08

todas as chamacas que venden pola rua
van con roupa indixena como as suas maiores
saia de grosa la negra e blusa branca e azul
pero a nena do cerrito que leva as negras ovellas
vai con chandal e camisola que son mais practicas pues

morelia 2-08

na caracola zapatista á güerita rapaza
preguntan de onde ven ela
e como sempre sorrinte di soy costeña
mui calida e chiapaneca resposta
para quen naceu entre frios fiordos

caracol 3-08

a muller tzeltal da cafeteria do caracol
hoxe visible sorriso que pon o colorista delantal
e onte foi o pasamontañas que ocultou ese sorriso
no alzamento que destapou tantas e tantas inxustizas

rexion triqui 4-08

asasinadas
por ser mulleres e por ser indixenas
por formar parte dun municipio autonomo
por ser as voces que na radio rompen o silencio
que seguirán rachando silencios


bolon ajaw 5-08

con paus nas suas mans as mulleres camiñan
para sair da comunidade a levar os poucos excedentes

polo irregular carreiro descalzas os paus axudan a camiñar
pero elas agora os cargan para intimidar aos paramilitares

mais abaixo do camiño o rio e as cascadas que eles queren
e ao chegar a estrada agardan uns aramios de espiños ás mulleres


mesoamerica 5-08

á chamaca chamanlle chiquis
porque foi a ultima en nacer
e xa non queren ter mais fillas


terras do rebozo 08


Manolo Pipas

segunda-feira, julho 07, 2008

O noso LIBRO na rúa!

Aínda non o tes? A que esperas?!

Depósito legal: VG543-2007 .. P.V.P.: 10 €

A Porta Verde do Sétimo Andar

Foto: Begoña Miguélez

De esquerda a dereita: Luís Viñas, Minus-bálido (A.Rodríguez), Manolo Pipas, Alfonso Láuzara, Cruz Martínez, Abilio Rodríguez, Rosanegra (Rosa Martínez) e Alberte Momán

9 xeitos de traspasar a porta da poesía.

9 olladas que indagan na paixón, no cotián, na memoria... creando espazos para recuperar o poder revelador da palabra.

9 voces contemporáneas que nos conducen polo universo polimorfo do poema. Abrir a porta verde do sétimo andar é entrar en 9 mundos poéticos posibles e diferentes. Adiante, a porta está aberta!

Pódese mercar en...

Galería SARGADELOS Vigo (Urzáiz, 17)

A Cova dos Ratos (Romil, 3 - Vigo)

Libraría CARTABON (Urzáiz, 125 - Vigo)

Galería SARGADELOS Ferrol (Rubalcava, 30-32)

Libraría Limiar (Venezuela, 33) Ultramar – Ferrol

Libraría Torga (rúa da Paz, 12) Ourense

Libraría Internacional (Capitán Eloy, 8) Ourense

Local Social a esmorga

(Telheira, 9 - Zona Universitária) Ourense

Libraría Eixo (Cardenal Quevedo, 36) Ourense

Centro Social Gomes Gaioso

(rúa marconi, 9 Montealto - A Coruña)


Ou tamén contactando con A Porta Verde:

e-mail: aportaverde@gmail.com

terça-feira, julho 01, 2008

Dedicado a Diego de Giráldez

O MAR



É pintor, escultor, naturista... a súa sabedoría abrangue a esencia da natureza. Posiblemente absorba e reflicta; misticismo, intelectualidade, infindos coñecementos. Ata é probable que o seu reino non sexa deste mundo... o seu reino é a Arte.
Home, artista, xenio... é a triloxía de si mesmo e para iso sobrevoa o Olimpo dos Deuses, aqueles que plantaron a flor do secreto nunha bouza preto do Edén. Os seus cadros son parábolas da realidade, poemas pintados nun lenzo, formas e cores con vida propia. Son a creación no seu máximo grao de expresión que se expande ata ao universo. Un pincel nas mans trócaselle maxicamente en ciencia pura. El, acolle na mente todos os segredos inimaxinables que coma homo amasa pacientemente. Un Ser Tranquilo que observa todo o seu perímetro espacial, comprendendo o que está máis aló xa que a súa ollada penetra nas moléculas.
Diego de Giráldez só precisa do ar para existir nos cadros. A enerxía flúe dende o seu centro gravitacional cara á todas partes. É un satélite no mundo artístico e vivirá eternamente nas súas obras, que son atemporais.

rosanegra

domingo, junho 29, 2008

A decepción dorme

preto dun horizonte impreciso
dun traballo inseguro que pendura
.................................................degoxos
na realidade do abismo
onde a letra pequena
acocha derrotados corazóns
...................................asoballados
nos que parece habitar a morte lenta
...............................................incorpórea
transitando estreitos accesos
que detectan fisuras
.....................ángulos mortos
Entre a memoria e o mundo
...................................sen destino
......................................suspendida
Quero que saibas
que a perspectiva futura
.............................agora distorsionada
é a escravitude que invade
...............................que se acepta
e se contempla sen bágoas

Cruz Martínez

sexta-feira, junho 27, 2008

UTOPÍA SON: Comeza o concurso

.
Logo dos catro concertos de inauguración, a 3ª MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR-UTOPÍA SON inicia os concertos dos concursantes. De Xuño a Setembro irán pasando polo escenario do Café Uf os 25 participantes que optan aos tres “Sirenos” cos seus correspondentes premios en metálico.
Durante os tres anos que leva realizándose UTOPÍA SON, foi aumentando a participación, tanto daqueles que concursan como os que o fan fóra de concurso co fin de apoiar esta MOSTRA de canción de autor.
Os 25 participantes representan todas as formacións e estilos posibles. Durante os próximos catro meses poderemos asistir a unha mostra do máis novidoso que se está a crear na canción en Galiza, en canto a música de autor. E cando dicimos “música de autor” referímonos a toda composición que poña por riba de calquera outra consideración, a calidade, especialmente das letras. E isto serve para calquera estilo de música, do rock ao folk, do jazz ao pop, do hip hop ao blues. En todos estes estilos presentáronse cancións en UTOPÍA SON.
A MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR consolídase como un proxecto totalmente autónomo, non subvencionado por institución algunha, feito que garante unha liberdade absoluta. Os premios económicos sufráganse exclusivamente grazas ao traballo que os organizadores realizan durante todo o ano. E os trofeos, os “Sirenos”, son a achega desinteresada dun artista plástico; este ano son tres cerámicas de Pilar Rubio Peixoto.
Queremos tamén sinalar que UTOPÍA SON, como calquera outra manifestación cultural, non pode, nin debe, manterse á marxe do que ocorre na sociedade. Por iso decidimos dedicar cada MOSTRA a unha causa cara á que dirixir a voz das nosas cancións. Neste III UTOPÍA SON intentamos pór os focos sobre ese terrible pesadelo que é a violencia de xénero. O segundo premio será para a canción que mellor denuncie esa odiosa secuela.
Todo o que UTOPÍA SON organiza arredor desta III MOSTRA estará dedicado fundamentalmente á muller. (...)
Desexamos que esta III MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR axude, na medida do posible a coñecer, fomentar e consolidar a canción de calidade en Galicia.

UTOPÍA SON
Vigo xuño do 2008

Máis información:

segunda-feira, junho 23, 2008

As fotos da presentación en Pontevedra

O pasado día 20 de xuño houbo a presentación do libro "a porta verde do sétimo andar" no local Social revira, en Pontevedra. O acto foi un éxito!. Queremos agradecer aos nosos queridos amigos de revira a marabillosa acollida. Graciñas!!.


Fotografías de: Begoña Miguélez

De esquerda a dereita: Luís Viñas, Alfonso láuzara, Elvira Riveiro Tobío, Cruz Martínez, Abilio Rodríguez, Foni, rosanegra e Augusto Fontám.










...........As dúas Fotos de abaixo foron tiradas do blogue da revira:













terça-feira, junho 17, 2008

María do Caramelo, dende A Coruña...

.
Botei tantas cousas en falla en tan pouco tempo que me metín a agricultora ecolóxica. Quixen atopar no contacto co argueiro fresco a resposta a aqueles desvaríos. Pero fun, coma sempre, demasiado impetuosa, non me daban medrado as verzas, nin os porcos atendían a razóns humanitarias, e finalmente acabei traballando na fábrica de conservas: limpaba mexillóns… foi reparador por repetitivo singular. Namoreime dun mariñeiro e dei en remendar redes preñadas de buratos.
Entón foi cando aprendín a ler nas estrelas as mensaxes dun tempo esquecido, reinventei constelacións e tiven fillos, e retomei o asunto da horta, rocei silvas, muxín cabras e criei callos, aborrecín a televisión e aprendín a predicir a choiva.E tornei a namorarme, pero esta vez das miñocas que fan terra no seu ventre, enchín o padal de cereixas, sementei dous pés de millo e dei en reconverterme en compost. Agora subo polas veas dos bidos, como sempre desexei aínda sen sabelo, e a noite dáme azos de novo para seguir soñando coa fertilidade.
.

domingo, junho 15, 2008

Fotos da presentación (A Coruña)

De esquerda a dereita: Alberte Momán, Ramiro Vidal Alvarinho, rosanegra, Cruz Martínez e Manolo Pipas posando para os medios.










O venres 13 de xuño



A Porta verde do Sétimo Andar estivo no Centro social Gomes Gaioso (Monte Alto, Coruña). Alí reencontrámonos con vellos amigos e coñecemos outros novos, cos que compartimos un fermoso serán. O noso agradecemento a todos eles.
Fotografías: Azucena Carrera

quarta-feira, junho 11, 2008

Homenaxe a Pintor


Homenaxe "O Escritor na súa Terra": a AELG entregou a "letraE" a Xosé Vázquez Pintor


O pasado sábado día 7 tivemos a honra de vivir unha xornada especial acompañando a Xosé Vázquez Pintor na merecida homenaxe organizada pola AELG e o Concello de Melide. Os afectos encheron as rúas, os espazos, e a palabra foi emoción de lealtades. Pintor con alma de buxo non esqueceu os vencellos de sempre: a tribo, a terra, os amigos e a palabra. Para a literatura están : Banzados, A memoria do boi, A tribo sabe, Os vellos oficios, Tal era vivir, Lume de biqueira, Gándaras, Na vertical da noite, No corazón mancando, Para dicir abril, Quen faga voar …


Luís Viñas

segunda-feira, junho 09, 2008

Teis ten praias, vaia vaia!!

O pasado domingo 8 de xuño pola mañán, @s veciñ@s de Teis, fart@s da ocupación devastadora e inxusta do litoral do barrio, tomaron simbólicamente a praia da vella e tan desaproveitada ETEA, para reivindicar o lexítimo dereito a acceder e disfrutar dun espazo público que é de tod@s, e polo tanto debe ser recuperado e conservado para á cidadanía.
Vaia vaia vaia... Teis ten praias!!




RÍOS-ETEA
Espazo natural formado por unha das poucas praias que posúen un gran banco de ameixa de caste, e polas zonas verdes que a rodean que son froito dos recheos realizados sobre o areal.
Está separada da praia da Punta polo espigón de Timoeiras e por un muro e valado metálico que ata fai poucos anos tiña a función de impedir que entraran na ETEA persoas alleas ao recinto militar; pero que, trala Orde ministerial do 15 de outubro de 2004, na que se suprime a zona de seguridade militar, a súa única misión é impedir que a cidadanía acceda á praia e ao resto do Dominio Público Marítimo Terrestre, ao que temos dereito tod@s pola Constitución e pola Lei de Costas.
Unha vez máis, os destructores da costa utilizan toda a súa forza para impedir que disfrutemos libremente da praia, do mar e da súa ribeira; pois son coñecedores de que no momento que a xente comece a tomar posesión da praia, terían moi difícil levar a cabo a construcción dun porto deportivo (outro máis) que esmaga a natureza e destrúe o que é de tod@s, para lucro e disfrute duns poucos.Para chegar á praia, debes achegarte ata a praia da Punta ou ata a de Ríos-Pilón, onde desgraciadamente os muros que a rodean dificultan a entrada.
Unha vergoña!
.
.......................... - Alfonso Láuzara -