quinta-feira, novembro 29, 2007

In memoriam


Como a semente na terra
as cinzas no mar
completan o ciclo da natureza,
para que non cese a loita no rompente
para que descanse en paz.
Po será, mais po do mar namorado.

.
Alfonso Láuzara

(29-11-06)

quarta-feira, novembro 28, 2007

Nós e a rede

nós e a rede marchamos
deica lámpadas de ton suave


coma un ollo asexa tra-lo celofán
onde non temos canto
e se canto esquezo a vosa pel
de ti que me ves
de vós que mirades


se canto esquezo por iso canto
xa son a túa man
non sóde-la miña calquera
sodes ti e máis el
comparto a carne que nós non temos


nós e a rede por onde vides
traede, apartade os ollos
que non me vistes.
Íspome. Esta pel é vosa
alá por onde esquece, por iso canto


Abilio Rodríguez

domingo, novembro 25, 2007

APORTAVERDE NO CALEIDOSKOPIO


Abaixo estamos, nós somos ghuapiños mais desta volta non saímos nada favorecidos.

Os poetas de A Porta Verde do Sétimo Andar deixamos os nosos versos apegados nas paredes do Caleidoskopio. De esquerda á dereita: Manolo Pipas, Luís Viñas, Cruz Martínez, rosanegra e Abilio Rodríguez.

A nosa gratitude a Maica, Santi e demais colaboradores que amenizaron o acto con música e ao poeta espontáneo.









quinta-feira, novembro 22, 2007

RECITAL DE APORTAVERDE





Benqueridos amigos o próximo sábado 24 de novembro estaremos ás 22h. na Cova dos Ratos, rúa Romil, 3 baixo (Vigo)
www.sindominio.net/caleidoskopio
Agardamos poder compartir con vós o noso recital poético.



domingo, novembro 18, 2007

DEVOLUCIÓN XA!!


NÓS TAMÉN ESIXIMOS A DEVOLUCIÓN INMEDIATA DO PAZO DE MEIRÁS Á GALIZA.
PORQUE É NOSO, DOS GALEGOS.
rosanegra e Cruz Martínez

Na terra de Genoveva

...........................Zumbem vespas acutiladas a sonoras
..........................................................-da sífilis perpétua
memória de esconsas pragas em reguadas de madeira
................................................................................áspera

..............................................-agora sentinelas de visco
..............................................a velha aquece a marmita
......................................................a lamparina na velha

..................................................."tragam água à gora !"


Aurelino Costa

segunda-feira, novembro 12, 2007

Concéntrico núcleo amado

Deslízanse as cóxegas polas pernas
as bocas insírense e sedúceme
a lenta catadura da túa lingua
.........Quecéronme os pés sabes
..........................................Posme
asomada á nudez do teu peito
......................................submisa
.........................................Posme
Déixome facer, fago, fasme
Mergúllome na inevitábel
..................proximidade copulativa
proceso de amor, completamente carne
O amor inquedo xoga entre os dedos
e penétrame entre as nádegas, certeiro
...........................................................febril

Cruz Martínez

sexta-feira, novembro 09, 2007

rosanegra

Os e- móvense
..........Coma lóstregos
Dun átomo a outro
E a gravidade atráenos
.................Á terra
Péganos a ela coma ao ventre
Dunha nai na etapa fetal.
Somos animais racionais
proxectos de humanos
Pequenos elos dunha cadea rota
E tridimensional...
Seica que estamos na cúspide
Eu diría, que nunha vértice piramidal.

quarta-feira, novembro 07, 2007

Hai un enigma no recordo

Hai un enigma no recordo
que vaise erguendo dunha nada,
esa incorpórea e bretemosa
esencia apesarada, moura.

Hai unha nada que te enlea
e que te apreixa docemente,
e te engaiola e te obsesiona,
e te extravía no camiño.

Hai un "non sei" que moito sabe
e xoga coa mente opaca,
e que sabéndoo se cala,
i é moura á diante dos ollos.

Camiña e non preguntes,
tí, que un día chegará a luz.

Xosé Carlos O'Framinor

sábado, novembro 03, 2007

Pirómana

buscome nas acepcións
Non existo.
A feminización da miña forma non arde.


Achégome a ti,
préndote na chama das miñas caricias,
deslizándome pola vexetación
que configura o teu ser.


Observados por hefesto
limpamos os montes do noso inverno,
para non deixarlle paso á combustión dos nosos corpos.


Dóeme a pel, cuberta de escamas negras,
vestixio do teu paso por min.



eva méndez doRoxo

quinta-feira, novembro 01, 2007

Bravo Paquito!!



Bendicións para Sir Paco Vázquez,
bo conservador da memoria histórica,

ex-alcalde de La Curuña,
cidade sempre tocada

pola súa divina falanxe.
Feliz día de defuntos!

.

- Subcomandante Afonso trece -
Por favor, fágame caso, querid@ visitante,
e faga coma min: non se meta en política!

terça-feira, outubro 30, 2007

estrelas

e agora non fales
que as estrelas xa dormen


cinco bicas ten a fonte
cinco estrelas esta noite
cinco letras o teu nome

era media noite
e tremou a terra
case non foi nada
un suspiro da terra



pipas

terça-feira, outubro 23, 2007

Entón as olladas volvéronse distantes

Percibiron a través da visión distorsionada
imaxes dunha posguerra
.....................Outra de tantas
Alguén le, observa o rostro do ditador recorrente

Noutro lado da rúa
a puta vida deulle unha patada no cu
........................................ao pobre derrotado
que fuma a porca cabicha que rescatou do chan
Namentres, as gastadas palabras buscan razóns
entre apiñados montóns de merda
Atopa membros e paulatinamente
............................analiza encrucillados

Un morto vaga resolvendo enigmas na noite
..........................................liberadora de pantasmas
A brisa acurralada fuxe. Fuxe dun país que lle nega unha
..................................................................................esperanza
Inmigrante sen papeis é prostituída por un puto traficante
................................................................nun club de carretera
Hoxe, outro asasinato de xénero, indixesta o almorzo
A incompetencia impregna as costas de veleno
...........................................................Cor acibeche
E máis...
Pero ...
Os ollos cérranse, non queren ver
.........................Apágase un televisor
E por un instante experimentas o alivio dos ignorantes

Cruz Martínez

domingo, outubro 21, 2007

minus bálido

Nin anverso
Nin reverso
A min gústame o canto
O bell canto.

quinta-feira, outubro 18, 2007

Indicativo

Dizia-me uma vez o Pascoaes:
«amemos mais que tudo a Liberdade»

e ninguém poderá esquecer mais
uma tão lucidíssima verdade.

E sempre pelo rumo dos meus passos,
E que é às vezes espinhoso chão,
Eu levo a liberdade nos meus braços
E guardo-a no calor do coração!

A. Garibáldi

Do livro: Voz Insubmissa ( As Mãos e a Sombra)

segunda-feira, outubro 15, 2007

rosanegra


A orde dos factores non altera a suma
Da aritmética sentimental
A trigonometría espacial
Interponse entre a ollada inquietante
Do animal racional
O binomio de Newton
Segue aceso nas mentes cáusticas
Mentres Cramer segue buscando
As tres incógnitas matriciais
Tanta numeración pódeme suprimir
1,4,7,89,18,m y,m 2...
e escoito unha voz que di
a e b non son permutables,
aínda que son maleables...

sábado, outubro 13, 2007

O Lagares maltratado

O desahuciado Lagares que foi reanimado in extremis
aínda bota escume urbano pola boca do seu esteiro
sulagado en secuencia da marea chea.








Xa por Lavadores...
misión case imposíbel
seguirlle e perseguirlle
as súas pegadas de auga,
coitadiño
baixa estrangulado
entre naves industriais.
.
Superado o natural trauma urbano...
seica a esperanza fica aló no berce do río.

.................................. Alfonso Láuzara

quinta-feira, outubro 11, 2007

telefonía

sen fíos comunicamos.
todo o noso mundo é rexido por impulsos magnéticos;
imperceptíbeis, suaves, intensos.
crávansenos na pel reaccionarios,
nun xesto indómito de paciencia e sumisión.

ritual aprendido nas grandes urbes;
nas que sen timbres chamando á oración,
sentímonos alienados en nós mesmos.

agora, no silencio punxido, das paredes caleadas,
aprendo a non percibir contrasinal.
mergullo meus pensamentos
en complexos mecanismos etéreos
para non oír badaladas metálicas na miña lingua.

reposo a axitación e a rabia
entre numerosas páxinas desteñidas
para concentrarme
na pérdida absoluta do coñecemento
e así atopar as Respostas.


eva méndez doroxo

terça-feira, outubro 09, 2007

Quixera ser outro ser

Para gozar dos teus encantos.
Quixera ser vento
Para viaxar enredado
No teu cabelo liso.
Quixera ser colgante
Para estar preto,moi preto
Do teu corazón
E vivir sempre de ti colgado.
Ser o teu propio ser
Para poder penetrar
Nos teus íntimos desexos.
Ser coma a seda azul da túa cama
Para agarimar o teu corpo nu
Enredado entre as túas pernas,
Penetrar dentro da túa coiraza,
Vivir as túas vidas
E morrer a túa morte.


O cabalo do malo