terça-feira, setembro 13, 2005

MADREDEUS

COISAS PEQUENAS (1997)
.
Coisas pequenas são
Coisas pequenas
São tudo o que eu te quero dar
e estas palavras são, coisas pequenas
que dizem que eu te quero amar

Amar, amar, amar
só vale a pena
se tu quiseres confirmar
que um grande amor não é, coisa pequena,
que nada é maior que amar

E a hora, que te espreita, é só tua
decerto, não será só a que resta,
a hora que esperei a vida toda
é esta

E a hora, que te espreita, é derradeira
decerto já bateu à tua porta
a hora que esperei a vida inteira
é agora
é agora
.
(Letra e música: Pedro Ayres Magalhães.
Voz: Teresa Salgueiro)

segunda-feira, setembro 12, 2005

Ánfora exhausta

pernoctando baixo bastardía algunha
entre madeixas manicha tela
un soño en diálogo outorga antónimo
tempo no que descansamos ata a alborada dos concordatos /
e promontorios de soberbia pasaxeira
fraterna fosa de ánfora exhausta


Abilio

domingo, setembro 11, 2005

Erótica

a tradução do verbo
amparado pola paixão
com os olhos fechados
num aperto de pele com pele
transpirando as sensações compartidas
que amam apertar-nos e respirar
o lume dos nossos sentimentos


(de "Erótica". Prémio Francisco Añón de Poesia 2004)

Alberte Momán

PALABRAS

Andantes son as palabras
palabras que camiñando
son como formas de barro
de lonxanas amasadas
E buscan na tua ollada
feridas doutro combate
nas portas desta cidade
que agarda un oito de marzo
Muller cargada de abrazos
de versos e soedade

Falemos de nós falemos
elixe as formas que canten
moldea os nomes e os verbos
insiste en novas consignas
nega tanta ambiguedade
imprime máis fantasia
seran n(v)osas as palabras
muller que quero amiga
oito de marzo e marza
(2-99)

Manolo Pipas

sexta-feira, setembro 09, 2005

Nunca se sabe



Monte de A Guía,

en Teis (Vigo)

.

Non quixera coma fado sorprenderte
no intre da nostalxia da idade
porque iso non vai na sintonía
da túa fresca mocidade
Propoño
ficar na serenidade nocturna de lus e pedra
que ofrece un bo rincón no lugar entrañábel de A Guía.
Ficar alí coma dúas figuras de pedra
nese xogo de luces e sombras
porque en lugares coma este,
o tempo pasa lentamente, e mesmo semella deterse.

Acaso teño ollos de pedra, acaso
respiro na santa compaña dunha fermosa
estatua de muller ben xeitosa.
Vexo nos teus ollos a doce mirada escura da noite estrelecida.
A noite é xove. Quero disfrutar do momento e gosto
dese estraño sabor do silencio nos teus beizos.
Quero chimpar un bico á ría
mais un orballo de verbas vai tecendo a noite que nos quenta.
¿Maxinacións? Nunca se sabe.

Alfonso Láuzara

terça-feira, setembro 06, 2005

Galiza: país serio e redondo

"Galiza é un país moi serio e moi redondo, como é o mundo;
sen arquitecturas de escaiola e sen ceos de añil barato."

("Sempre en Galiza" - Castelao)

segunda-feira, setembro 05, 2005

Cruz Martínez

SON A SILANDEIRA VERBA que agasalla
cunha caricia
arrodeándoche o oído
O larpeiro regato que acolle a lava quente
choutadora de múltiples arrebatos
representados
na sensual danza de linguas
Coutando espazos dunha xeografía
a mistura de cuspe pega dúas bocas
ao bordo do arelante precipicio
esvaradas, síntense vítimas dun tempo
que non parece propicio, pechan os ollos
entón a pel debuxa accesos secundarios
precisos
porque o arrecendo estraño do instinto
fai que apelen aos cinco sentidos
e urbanicen os solos, conmemorados
pola avidez do tacto, que esperta sensacións
emerxentes
nas mans abertas
Acaso é isto unha tolemia, non sei
mais pensa no enigma e olla como transitan baixo
os narcotizantes efectos
duns ollos que miran


rosanegra


Á SECA

Aí imos todos nós,
fisga ó riste, atallando polo indócil
carreiro cara a praia,
o mariño renxer da roupa,
o rozar os arbustos, e a ganada noite;
lambéndonos a herba os nocellos,
custodiados pola lúa en crecente.
O súpeto feixe de luz das lanternas
ilumina as hortas, as desgonzadas
cancelas encouzadas de salitre e choiva,
a ferruxe fósil das alambradas.
Non sei que me conduce ata este carreiro,
a esta noite de xuño,
faísca avivada pola memoria.
Non o sei. Disque é a nostalxia
De tempos máis felices.
Ti, que saibas, só admites a sospeita
dunha tristeza que arrastras aínda polo mesmo camiño.


Rafael Viñó

sábado, setembro 03, 2005

soños


Dirán dos soños
os ventos da noite
que barren os días
de ausencias

LuísViñas

sexta-feira, setembro 02, 2005

MAR

hai un mar de tan cursi literario
dunha princesa que lle esvarou un acuario nas mans
que se lle escachou mecachis
océano mecachis
ese non interesa
(hai un silencio de 14 versos)
verso nº 20: no mar acaban as nacións pero hai centolas
que son francesas

Antón R. Reixa

Dedicado a Corina Porro, con cariño de barrio,
pola súa maña coa Volvo Ocean Race.
(tíoTeis)

quinta-feira, setembro 01, 2005

TEMPO

48 horas
hai mulleres hebreas que non aman aos sábados
comprendo que hai homes de patria excesiva
e aínda así non se entende o que che quero dicir
pero vin tv a noite toda e ó espertar almorcei cereais:
aínda así non era americano
hai palabras condenadas ó silencio
pero ben sei por palestino que o silencio está escrito en braille
ver e non tocar reclamas deitada en territorio ocupado
se me tiveses coñecido cantando pasadobles nunha boda
non che resultaría tan palestino
e se a antropoloxía permitise a un palestino o desgarro do tango
diríache: ámame en gaza, ódiame en cisxordania
ámame de espía en hoteis de beirut
ámame co rigor do imperialismo, ámame con fanatismo sionista
- na información deportiva intercalarán documentais de fondo:
disturbios nos territorios ocupados -
así que non te me poñas hebrea
e non reacciones como unha cebra nun paso de cebra
verso nº 20: é como si tivesen pasado 48 horas

Antón R. Reixa

quarta-feira, agosto 31, 2005

Cruz Martínez

Achanto a gorxa é longa
As costas do pobre non teñen intre
Para o espreguizo
Ratas urbanas erguen berros incoherentes
Eu, poño un chapeu amarelo e camiño
Mañá os colectores voltarán a encherse de lixo

O exército do bosque

Préstame, chuvia, as túas palabras
e ti, vento, as ideas tan longas.
Déixame o teu rezo breve, río,
e o teu branco saúdo, neve.
Pousa, xeo, no vidro da xanela o sereno pensamento
e que o traian aos labios as asas luminosas da alborada.
Acódeme, lóstrego;
ponde de man, espada.
Coidémonos. Vén xente.

Manuel Rivas

O deserto

O deserto entraba pola porta
todo era seco árido
amarelo brillante que magoa os ollos
o deserto arrasouno todo
e a vida quedou sometida
torturada violentada inerte
ata que unha irrefreable chuvia
caeu interminable tempo
sobre minúsculos superviventes
unicelulares amebiñas paramecios
e comezou de novo a evolución constante
e a vida esplendorosa entre margaridas
e especies multitudes
e o ser humano tamén volveu
para traer de novo o gran deserto
que entra polas portas.

Manuel Seixas

Dedicado ó amigo Javi Rai,
entusiasta da boa música,
que percorre os nosos montes en bicicleta
e anda nestes días con natural desacougo
por mor do lume forestal.
(tíoTeis)

terça-feira, agosto 30, 2005

ROSALÍA DE CASTRO

Cando penso que te fuche,
negra sombra que me asombras,
ao pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que és ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, és ti que cantas;
si choran, és ti que choras,
i és o marmurio do río
i és a noite i és a aurora.

En todo estás e ti és todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás ti nunca,
sombra que sempre me asombras.


Rosa Martínez Vilas



Soa unha música por entre as moléculas do ar
Espállase por entre as paredes
E sobrevoa os edificios
pintados de noite
Os ruídos de coches, de xentes
Silencia a natureza que xa nin pode respirar
E soa unha música que traspasa
o centro da terra
e vive por entre os recunchos
Do universo... que trae sabor a vexetación
rosanegra





"Rosa da paz" (2002) - Amaral



"Rosa da paz" é unha canción
solidaria coa catástrofe do Prestige
en Galiza.

Cando o mundo enteiro estoupe,
Será demasiado tarde
Para reencontrarnos coas leis naturais
Se rompemos cos bosques,
Se rompemos cos mares,
Cos peixes, co vento que nos fixo ceibes
Coma picariños na escuridade,
así estamos todos baixo o mesmo vendaval
Miña rosa da paz,
Vella rosa con feridas,
Sinto cando me acaricias frío
E non sei onde estás,
Miña rosa da paz
Mira que te sinto lonxe,
Eu búscote e non te atopo agora
Miña rosa da paz
¿Que diría deste mundo
Un viaxeiro do futuro,
Dun planeta máis alá das estrelas?
Se rompemos cos bosques,
Rompemos as nosas propias voces
E aínda que ninguén escoite, aínda se oen
Con nós mesmos, coa eternidade,
Porque estamos todos baixo o mesmo vendaval
BIS
Cando o mundo enteiro estoupe,
Sexa demasiado tarde,
Xa non queden rosas para ninguén
Eu estarei contigo rosa da paz
Coma picariños
Cando remate o vendaval
BIS
Miña rosa da paz

Grazas!!

segunda-feira, agosto 29, 2005

Orisel Gaspar en "Adiós"



Algunhas escenas de "Adiós"
filme de cine independente cubano,
coa actriz Orisel Gaspar
estanse a rodar en Vigo.


"Non me cansarei de che pedir unha caricia,
non me durmirei sen ter roubado un bico,
e no suave rubor da túa sutil delicia,
as miñas mans axitadas farán vibrar o meu corpo.
Espértate nos meus ollos,
cando o tempo marche,
e que os teus pasos segan as augas da Ría,
xa virá a calma coa súa voz a te mexer,
xa emprenderemos xuntos o adeus a Galicia."

Orisel Gaspar

domingo, agosto 28, 2005

Joaquín Sabina


...Dende que saio coa pálida dama
ando máis morto ca vivo,
pero durmir o soño eterno na súa cama
peréceme excesivo,
e, iso que nunca renunciei a buscar,
nuns labios abertos,
din que hai beixos de esos que, chos dan,
e resucitan a un morto.
E, se á miña tumba, vos acercades de visita,
o día do meu aniversario,
E non vos atendo, esperádeme na saliña,
ata que volva do baño.
¿A quen lle pode importar,
despois de morto, que un teña os seus vicios...?
o día do xuízo final
pode que Deus sexa meu avogado de oficio...

(Tradución ao galego de: Cruz Martínez)